Solapas principales

Abre o prazo de renovación para ensaiar no local municipal A Factoría

Jueves, 7 julio, 2022
A Concellaría de Mocidade informa de que dende o 1 ao 15 de xullo, as formacións musicais interesadas en continuar ensaiando no local A Factoría deben renovar a súa solicitude. Deste xeito, enviarase por enderezo electrónico a cada un dos grupos que actualmente ensaien no local a folla de renovación, que deberán cumprimentar e devolver asinada. En caso de non renovar, procederase á baixa no uso do local.

Para poder reservar o local, polo menos, un dos/as seus/súas integrantes debe estar empadroado en Ames e o grupo debe estar dado de alta no censo municipal de artistas do concello. O horario do local de ensaio será o solicitado polos grupos musicais entre as 10:00 e as 22:00 horas, sempre e cando non estean organizadas outras actividades, polo propio Concello.

Unha vez enviada a solicitude, a Concellería de Mocidade entregará á persoa solicitante unha autorización do uso das instalacións indicadas, na que figurará o nome do grupo solicitante, o nome do seu representante, o seu DNI, relación das persoas que compoñen o grupo, días e horas nas que está autorizado o uso dos locais e a sala a utilizar, etc.

Para resolver calquera dúbida ou consulta poden contactar co departamento de Mocidade no correo electrónico omix@concellodeames.gal.