- Tematica
Este curso as Escolas deportivas contan na categoría de formación deportiva con ballet, baloncesto, fútbol sala feminino, fútbol sala mixto, judo, natación, patinaxe, predeporte, squash, tenis, voleibol, xadrez e ximnasia rítmica. Os maiores de 14 anos poderán inscribirse nas actividades do programa “Ponte en Forma”, que inclúe adestramento funcional; aerozumba; ioga; GAP (hipopresivos) – Aerocombat; pilates; spinning, abdominais e glúteos; e ximnasia de mantemento. Este ano como novidade, increméntase un novo grupo de pilates en Aldea Nova e outro grupo en Bugallido.
As tarifas para o curso completo son de 48 euros para os maiores de 18 anos e de 32 euros para os menores de 18 anos. No caso do segundo membro da unidade familiar serían 16 euros e no dun terceiro membro e seguintes de 8 euros.
Para máis información sobre as actividades deportivas pódese chamar aos números de teléfono 619 842 504 e 981 535 940. Outra opción é enviar un correo electrónico aos enderezos deportes@concellodeames.gal e deportes.milladoiro@concellodeames.gal.
Como realizar a inscrición
A matrícula realizarase telematicamente a través da plataforma Cronos, no módulo “Inscrición en clases”. Unha vez que a plataforma confirme a praza, deberase tramitar o pagamento, para o que hai dúas opcións.
A primeira é de xeito telemático, solicitando a folla de autoliquidación nas Oficinas de Recadación a través do correo electrónico ames@canaltributos.com, chamando ao número de teléfono 981 88 48 96, ou ben realizando a autoliquidación a través da Oficina Virtual Tributaria do Concello (non precisa certificado electrónico) premendo na opción “pagar taxas”.
A outra opción é acudir de xeito presencial ás oficinas do Concello de Ames, situadas na praza Horta de Abaixo, 6, en Bertamiráns, ou na rúa Viorneira, 6, no Milladoiro.
Unha vez feita a autoliquidación deberá ser pagada no prazo establecido e non será preciso entregar o resgardo de pagamento, dado que este chega automaticamente. Se non se realiza o pagamento no prazo de 3 días, a inscrición quedará anulada. Realizados estes dous pasos, tanto a inscrición en Cronos como o trámite de pagamento, xa se poderá asistir á clase, xa que a inscrición queda correctamente feita.
Instrucións para empregar a plataforma Cronos para inscribir a menores de idade
No caso de que a persoa que se desexe inscribir sexa menor de idade, primeiro debe de darse de alta na plataforma Cronos o seu responsable legal como titular, e confirmar o correo electrónico recibido. Despois, darase de alta á persoa menor de idade como beneficiaria e confirmarase un novo correo. Unha vez realizadas as altas, dende a conta de usuario da nai, pai ou titor legal haberá que cambiar ao novo usuario asociado como beneficiario, nun despregable na esquina superior dereita da páxina.