- Tematica
Os incentivos á contratación temporal por conta allea teñen por finalidade facilitar a empregabilidade e ocupabilidade das persoas participantes no obradoiro dual de emprego Renova Ames- Brión, financiado a través da convocatoria 2019 de axudas e subvencións a obradoiros duais de emprego, aprobada pola Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, pertencente á Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia. No obradoiro de emprego dual Renova Ames – Brión impártese a formación do certificado de profesionalidade ENAE0108 de montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas. A contratación temporal terá unha duración mínima de 3 meses, mentres que a duración da xornada da contratación será a tempo completo.
Os contratos temporais incentivaranse cunha subvención fixa de 1.500 euros por cada traballador/a, correspondente ao contrato mínimo de 3 meses a xornada completa. A contía total das subvencións a outorgar de acordo coas presentes bases non poderá superar os 15.000 euros para un total de dez contratos. Os beneficios establecidos á contratación neste programa non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 100% do custo salarial das mensualidades obxecto de subvención.
Lugar e prazo de presentación de solicitudes
De acordo co artigo 14.2 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, de Procedemento administrativo Común das Administracións Públicas, as persoas xurídicas están obrigadas a relacionarse coas administracións públicas a través de medios electrónicos. As solicitudes, xunto co resto da documentación, presentarase no Rexistro Electrónico Xeneral do Concello de Ames, ou na sede electrónica do Concello.
Igualmente poderá presentarse no Rexistro electrónico do Punto de Acceso Xeral do Estado, ao que poderá acceder desde enláceo dispoñible na sede electrónica do Concello de Ames.
As solicitudes de axudas polas contratacións subvencionables deberán presentarse no prazo dun mes a contar desde o día seguinte á publicación do extracto da convocatoria no BOP da Coruña, en calquera dos rexistros indicados na Lei 39/2015 de procedemento administrativo común. Se o último día fose inhábil, o prazo terminará ao seguinte día hábil. A convocatoria de ditas axudas saíu publicada no BOP este mércores 21 de outubro.