Solapas principales

A Escola Municipal de Música de Ames abre o prazo de inscrición para novo alumnado no curso 2022-2023

Lunes, 5 septiembre, 2022
Dende o xoves 1 e ata o xoves 15 de setembro estará aberto o prazo para que novo alumnado presente as súas solicitudes de praza na Escola Municipal de Música de Ames, a EMMA, de cara ao vindeiro curso 2022-2023. A inscrición poderase realizar a través da Sede electrónica do Concello de Ames, ou ben de xeito presencial nos rexistros municipais, pedindo cita previa na Sede electrónica. Está previsto que as novas altas comecen as clases na semana do 3 de outubro.

Premendo nesta ligazón pódese descargar o formulario de solicitude de renovación de praza.

A Escola Municipal de Música de Ames (EMMA) abre do 1 ao 15 de setembro o prazo de novas altas de cara ao vindeiro curso 2022-2023, dirixido ao novo alumnado da escola. O período de inscrición abre despois de que o alumnado que xa estivo matriculado o ano pasado puidera facelo o pasado mes de xuño.

Prazas ofertadas ao novo alumnado

En total hai 32 prazas dispoñibles para este prazo de matrícula na EMMA, repartidas entre as materias de música e movemento (dirixida a crianzas nadas no 2016, 2017 e 2018) e de especialidade instrumental ou vocal e linguaxe musical (de 7 anos en diante, cumpridos no 2022).

Deste xeito, para música e movemento quedan 14 prazas: no grupo de nados e nadas no 2018 quedan dez ocos; no grupo do 2017, dúas vacantes, e no do 2016, outras dúas.

No que respecta ás especialidades musicais hai 18 prazas: unha para batería e percusión, catro para guitarra e baixo, outras catro para violín e viola, dúas para canto moderno, tres para saxofón, e catro para frauta traveseira.

As prazas de linguaxe musical serán cubertas principalmente con persoas que cursen especialidade instrumental ou vocal. Cando haxa alumnado que solicite só linguaxe musical poderá acceder sempre que queden prazas dispoñibles.

Inscrición e adxudicación de prazas

Para realizar as solicitudes, as persoas interesadas deberán cubrir esta solicitude e entregala na Sede electrónica do Concello de Ames. A renovación poderase realizar tamén en calquera outro medio dos recollidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015. Neste caso, para presentar a documentación de xeito presencial no rexistro municipal hai que solicitar cita previa a través da Sede electrónica do Concello de Ames.

A adxudicación de prazas farase por sorteo o mércores 21 de setembro ás 11:30 horas, na Casa do Concello de Ames, en Bertamiráns. O sorteo farase tendo en conta a primeira especialidade solicitada polo alumnado. No caso de non obteren praza, quedarán en lista de espera da mesma especialidade, con opción á lista de reserva da segunda especialidade solicitada cando esta se esgote.

Ao rematar o sorteo, o persoal da EMMA porase en contacto coas persoas que obtiveron praza, para que confirmen o horario da especialidade que estea dispoñible. A continuación, terán de prazo ata o venres 30 de setembro para formalizar a matrícula, abonando o seu importe. Desta maneira, todo o alumnado que non estea exento de pagamento (véxanse as exencións no Artigo 7 da Ordenanza reguladora dos prezos públicos pola prestación dos servizos da Escola Municipal de Música de Ames) recibirá un correo electrónico coa autoliquidación da taxa correspondente. Unha vez pagada, deberán entregar o xustificante do pagamento, enviándoo ao enderezo electrónico escolademusica@concellodeames.gal.

Para máis información, pódese poñer en contacto coa EMMA a través do enderezo electrónico escolademusica@concellodeames.gal, ou ben a través do teléfono 981 535 940, en horario de 9.00 a 14.00 horas. Está previsto que as clases na Escola Municipal de Música de Ames comecen para o novo alumnado na semana do 3 de outubro. Estas impártense no edificio multiusos de Aldea Nova e seguen o calendario escolar, polo que non haberá actividade nas vacacións de Nadal, de Entroido e de Pascua.

Multimedia