O rafting é un dos deportes acuáticos máis emocionantes para as persoas que queren descargar adrenalina e pasar unhas horas de diversión. Descenderase o Ulla, un dos ríos de interior máis emblemáticos para vivir esta aventura, no tramo entre Carcacía e Herbón (Padrón), facendo un percorrido que atravesa bosques de ribeira con carballos, ameneiros e salgueiros. Os/as participantes descenderán nunha gran balsa río abaixo, entre correntes e rápidos, remando en equipo para esquivar rochas e saltos de auga ata chegar a augas tranquilas onde gozar da beleza natural da contorna do río.
Esta actividade terá lugar o sábado 24 de abril. Sairase en autobús dende o Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, ás 15.00h, e da Casa da Cultura do Milladoiro, ás 15.15 horas. O regreso efectuarase nas mesmas paradas, chegando O Milladoiro arredor das 21.00h e a Bertamiráns ás 21.15 horas aproximadamente. Os/as participantes menores deben ser recollidos na parada polos pais/nais/titores-as ou representantes legais.
Para esta actividade contarás con todo o material necesario (neopreno, casco, chaleco salvavidas e material de seguridade). Recorda vir equipado/a con traxe de baño, toalla, máscaras, zapatillas deportivas para mollar, crema solar e roupa e calzado de reposto para despois da actividade. Calquera dúbida contacta coa OMIX no teléfono 616083229 ou no correo electrónico omix@concellodeames.gal.