Solapas principales

Está aberto o prazo de inscrición para novo alumnado da EMMA

Lunes, 5 junio, 2023
Ata o vindeiro luns, 12 de xuño, estará aberto o prazo para que novo alumnado presente as súas solicitudes de praza na Escola Municipal de Música de Ames, a EMMA, de cara ao vindeiro curso 2023-2024. Está previsto que as novas altas comecen as clases o 15 de setembro. A inscrición pode realizarse a través da Sede electrónica do Concello de Ames, ou ben de xeito presencial nos rexistros municipais, sen necesidade de solicitar cita previa. Para máis información, pódese contactar coa EMMA a través do enderezo electrónico escolademusica@concellodeames.gal, ou ben a través do teléfono 981 535 940, en horario de 9:00 a 14.00 horas.

Na EMMA impártense clases de Música e Movemento para nenos/as nados no 2017, 2018 e 2019, así como especialidade instrumental ou vocal e Linguaxe Musical de 7 anos en adiante (cumpridos no 2023).

Para o vindeiro curso escolar quedan dispoñibles as seguintes prazas:

- Música e movemento: 1 praza para nados/as no 2017 (luns e mércores, de 16:30 a 17:30 horas); 8 prazas para nados/as no 2018 (luns e mércores, de 17:30 a 18:30 horas); 10 prazas para nados/as no 2019 (luns e mércores, de 18:30 a 19:30 horas).
- Guitarra/ baixo: 6 prazas.
- Piano: 2 prazas.
- Saxofón: 1 praza.
- Frauta traveseira: 4 prazas.
- Linguaxe musical: as prazas destas especialidades serán cubertas principalmente por persoas que cursen especialidade instrumental ou vocal. Cando haxa alumnado que solicite só linguaxe musical poderá acceder sempre que queden prazas dispoñibles. Os horarios desta materia organizaraos a docente, tendo en conta a idade e os coñecementos dos alumnos/as.

Todas as clases de instrumento son a partires dos sete anos (cumpridos no 2023), e non teñen límite de idade. Os nenos e nenas de 4 a 7 anos poden inscribirse unicamente en clases de Música e Movemento.

Inscrición e adxudicación de prazas
Para realizar as solicitudes, as persoas interesadas deberán cubrir este impreso e entregalo na Sede electrónica do Concello, ou ben en calquera dos outros medios recollidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015 (como nos rexistros municipais, onde non será necesario pedir cita previa para realizar o trámite).

Na solicitude deben ir cumprimentados os datos do alumnos/a, instrumento e autorización paterna ou materna en caso de que sexa menor; marcados os recadros de prezos de matrícula, mensualidade e bonificacións (con xustificante); e cubertos os apartados de domiciliación bancaria para o pagamento das cotas mensuais e de autorización de imaxe.

A adxudicación de prazas farase por sorteo o xoves 15 de xuño ás 12:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. O sorteo farase tendo en conta a primeira especialidade solicitada por cada alumno/a. No caso de non obter praza, quedará en lista de reserva da mesma especialidade, con opción á lista de reserva da segunda especialidade solicitada cando esta se esgote.

Tras o sorteo, dende a EMMA poñeranse en contacto coas persoas que obtiveron praza, para que, por orde, no prazo máis breve posible, confirmen o horario da especialidade instrumental/vocal, dentro dos que queden dispoñibles. A continuación, darase de prazo ata o 26 de xuño para que os alumnos/as que obtiveron praza a confirmen, abonando o importe da matrícula. Deste xeito, o alumnado que non estea exento do pago (véxanse as exencións no Artigo 7 da Ordenanza reguladora dos prezos públicos pola prestación dos servizos da Escola Municipal de Música de Ames) recibirá un correo electrónico coa autoliquidación da taxa correspondente. Unha vez pagada, deberán entregar o xustificante, enviándoo ao enderezo electrónico escolademusica@concellodeames.gal.