Solapas principales

Amplíanse ata o 30 de maio as medidas extraordinarias en materia tributaria e nos ingresos de dereito público e recibos dos servizos do Concello de Ames

Jueves, 30 abril, 2020
O Concello de Ames vén de ampliar novamente, mediante decreto da alcaldía, o período voluntario de ingreso das liquidacións tributarias e de ingresos de dereito público practicadas pola administración local, con vencemento o 20 de marzo, o 5 de abril, ou o 20 de abril, ata o 30 de maio de 2020, acolléndose ao Real Decreto Lei 15/2020. Asemade, amplíase tamén ata a mesma data o período voluntario de ingreso de diferentes taxas e prezos públicos municipais. Este é a segunda ampliación que se recolle dos períodos voluntarios dos recibos non domiciliados en circulación, ampliando novamente un mes máis, do 30 de abril ao 30 de maio. Ao pé desta nova podes consultar o novo Decreto de modificación de medidas extraordinarias en materia tributaria e nos ingresos de dereito público como consecuencia do estado de alarma motivado pola Covid-19.

O novo decreto recolle a ampliación, ata o 30 de maio de 2020, do período voluntario de ingreso das liquidacións tributarias e de ingresos de dereito público practicadas pola administración local, con vencemento o 20 de marzo, o 5 de abril, ou o 20 de abril. Igualmente, amplíase á mesma data o período voluntario de ingreso das seguintes débedas: a taxa por actividades e servizos relacionados coa hixiene urbana, 4º trimestre 2019; a taxa polo saneamento e depuración de augas residuais, 4º trimestre 2019; a taxa pola subministración de auga, 4º trimestre de 2019; a taxa pola prestación de servizos complementarios educativos e de conciliación da vida familiar e laboral (Bos días, Comedores e Tardes divertivas), decembro 2019; a taxa pola prestación de servizos complementarios educativos e de conciliación da vida familiar e laboral (Nadal lúdico 2019); o prezo público pola prestación do servizo das Escolas Infantís municipais, febreiro 2020; a taxa pola prestación do servizo de axuda no fogar, xaneiro 2020; e a taxa pola prestación de servizos complementarios educativos e de conciliación da vida familiar e laboral (Bos días, Comedores e Tardes divertivas), xaneiro 2020.

Este novo decreto recolle, igualmente, que os vencementos dos prazos concedidos para atender requirimentos ou solicitudes de información con trascendencia tributaria, para formular alegacións en procedementos de aplicación de tributos e ingresos de dereito público do concello de Ames, de devolución de ingresos indebidos, de rectificación de erros materiais e revogación, non concluídos a 18 de marzo, volven ampliarse novamente nun mes máis ata o 30 de maio de 2020. Igualmente, os vencementos dos prazos para atender requirimentos ou solicitudes de información con trascendencia tributaria, para formular alegacións en procedementos de aplicación de tributos e ingresos de dereito público do concello de Ames, de devolución de ingresos indebidos, de rectificación de erros materiais e revogación, comunicados a partir do 18 de marzo e respecto de procedementos iniciados con anterioridade a esa data, ampliarase tamén nun mes ata o 30 de maio de 2020. Por último, o vencemento das cotas do 5 de abril e 5 de maio correspondente aos fraccionamentos e xa concedidos polo concello de Ames, modifícase ao 30 de maio de 2020.

O disposto nesta resolución non resulta de aplicación a aqueles tributos e ingresos de dereito público do concello de Ames que cuxa xestión, liquidación e inspección está delegada na Deputación Provincial da Coruña, para os que o Concello está a solicitar unha ampliación dos prazos da voluntaria e ampliación de prazos no Sistema Especial de pagamento fraccionado do IBI.