O goberno municipal de Ames solicitou no 2016 a posibilidade de establecer un período especial de pago neste concello para o Imposto de Bens Inmobles (IBI), co obxectivo de aliviar a carga impositiva deste imposto municipal que é o que maior repercusión ten na economía das veciñas e veciños de Ames. En decembro dese ano, a Deputación Provincial da Coruña aceptou a solicitude formulada polo Concello de Ames. Desta maneira, desde o ano 2017, as veciñas e veciños de Ames poden dividir o pagamento do recibo do IBI en dous períodos sen ningún tipo de custe adicional.
O primeiro dos pagamentos realizarase o 30 de xuño ou o inmediato hábil anterior, mentres que a segunda metade deberá ser abonada o último día do período de pago establecido para o segundo pagamento, que como regra xeral é o 20 de outubro. As persoas interesadas en fraccionar o pagamento do IBI deberán presentar o impreso de solicitude, antes do 27 de maio, na Oficina da Deputación da Coruña en Ames (rúa Ameneiral, número 18, baixo, Bertamiráns) acompañado do documento de domiciliación bancaria. O impreso de solicitude pódese descargar na seguinte ligazón http://bit.ly/2mQfYh5.
As persoas que xa fixeran a solicitude o ano pasado ou en 2017 non terán que volver a repetir dita operación, senón que xa están dados de alta neste novo sistema voluntario especial de pagamento do IBI ata que se dean de baixa. Para máis información, os interesados/as poden dirixirse á Oficina da Deputación da Coruña en Ames ou facelo a través do número de teléfono 981 818 918.