- Tematica
Dende comezos de xuño, o Concello de Ames vén adoptando unha serie de medidas co fin de reducir o consumo de auga, como controlar e reducir o rego dos xardíns municipais e das zonas verdes, así como a cantidade de auga potable que se gasta nos baldeos e servizos de limpeza. Ademais, púxose en marcha a campaña “Augaconsellos”, unha serie de recomendacións e medidas para animar á veciñanza a facer un uso responsable da auga de xeito sinxelo nun período estival especialmente caloroso e seco.
Para o que resta de verán e en especial durante as próximas semanas, o Concello fai unha vez máis un chamamento á moderación e á responsabilidade no consumo de auga. Algunhas das medidas que pode tomar a veciñanza de xeito sinxelo inclúense na campaña dos “Augaconsellos”, como usar a ducha en lugar do baño; usar a lavadora chea; limitar o enchido de piscinas; non empregar o váter como papeleira; racionar a auga para o rego; optimizar o lavado de vehículos; revisar posibles fugas de auga; pechar a billa mentres se lavan os dentes, ou limitar o baldeo e limpeza das rúas.
Tras un mes de xuño positivo, no que se reduciu o consumo de auga nun 7,69% con respecto ao mesmo período de 2021, os datos de xullo e da primeira quincena de agosto mostran un preocupante incremento no gasto. No mes de xullo o consumo total no concello foi de 183.513 metros cúbicos, o que supón un aumento do 2,82% con respecto ao ano anterior. Esta tendencia á alza reafírmase nos datos das primeiras dúas semanas de agosto, no que se gastaron 91.919 metros cúbicos de auga, un 4,13% máis que en 2021.
Deste xeito, e engadindo a situación de seca e as escasas precipitacións ao longo de verán, o estado dos abastecementos de auga municipais é crítico. Se a comezos de mes o nivel do río Tambre estaba 40 centímetros por riba do tubo de captación, en dúas semanas o caudal baixou aos 21 centímetros. Ademais, a captación en Quistiláns está tamén ao límite, bombeando auga a niveis habituais a finais de agosto ou mesmo comezos de setembro. O estado das captacións tamén preocupa nos núcleos rurais sen abastecemento de auga municipal, nos que nalgúns casos xa hai dificultades para servirse de auga en mananciais e pozos.
De non mudar a tendencia de gasto actual, e tendo en conta que a previsión meteorolóxica non adianta precipitacións que poidan mellorar a situación, o Concello de Ames terá que tomar medidas para combater o gasto a partir da última semana de agosto, como restricións no uso da auga ou cortes controlados no subministro.