Solapas principales

Resultado do sorteo de prazas para a actividade de taichi e chi kung da Escola de Saúde

Sábado, 30 septiembre, 2023
A Concellaría de Deportes e Promoción da Saúde organiza, un ano máis, as clases de taichi tradicional e de chi king, que se enmarcan dentro do novo curso da Escola de Saúde. Premendo nas ligazóns que están ao pé deste aviso podes descargar os documentos de asignación de prazas, trala realización do correspondente sorteo, para a actividade de taichi e chi kung da Escola de Saúde.

O vindeiro luns, 2 de outubro, dá comezo un novo curso da Escola de Saúde, que, por segundo ano consecutivo, ofrece clases de taichi tradicional e de chi kung. As actividades impartiranse en espazos exteriores: na contorna do pavillón deportivo do Milladoiro os luns e mércores de 17:00 a 18:00 horas, e nos xardíns do Pazo da Peregrina de Bertamiráns, os mércores e venres de 10:00 a 11:00 horas.

O taichi é apto para todas as idades e de intensidade regulable. Serve para corrixir, nutrir e fortalecer a estrutura de quen o practica. Mellora a forza-resistencia, a flexibilidade, o equilibrio, a coordinación e a memoria. Tamén serve para mellorar a circulación e a función orgánica, calmar a mente e equilibrar o estado emocional a través do desenvolvemento da atención plena.

Por outra banda, o chi kung é un sistema de desenvolvemento persoal para mellorar a saúde. Combina movementos suaves do corpo con relaxación e respiración lenta. Mellora a flexibilidade, a conciencia corporal e a concentración. Con nesta actividade física, o organismo énchese de enerxía e esta flúe polo corpo aumentando a nosa vitalidade. Consegue unha relaxación na que a persoa se volve consciente dos nosos movementos, do noso interior e do contacto coa contorna. En China é moi practicado e apreciado polos seus beneficios no campo da saúde.

Chi kung significa control, dominio ou arte da enerxía. As súas metas xerais son saúde, boa forma física, lonxevidade e cultivo das facultades persoais. O chi kung é unha ximnasia enerxética que fortalece o corpo e a mente, distribuíndo de forma equilibrada a enerxía. O ideal é practicalo nun espazo aberto, na natureza.

Multimedia