Solapas principales

Últimas prazas para participar nos obradoiros musicais da EMMA de abril e maio

Martes, 12 abril, 2022
A Escola Municipal de Música de Ames organiza en abril e maio catro obradoiros musicais de carácter introdutivo, destinados a persoas de máis de 8 anos e cunha oferta variada e diversa de xéneros e disciplinas. Os talleres, pensados para grupos de ata quince participantes, inclúen propostas de beatbox, canto, música afrocubana e música tradicional. Cun custe de 10 euros, desenvolveranse os sábados, nunha única sesión de 11:00 a 13:00 horas.

As persoas interesadas en participar nestes cursos poden realizar aínda a súa inscrición, enviando esta ficha de inscrición cuberta e asinada ao enderezo electrónico escolademusica@concellodeames.gal. O custe da praza só se deberán abonar unha vez que o departamento de Cultura confirme a praza a través do correo electrónico. Os grupos estarán formados por persoas a partir de 8 anos, cun mínimo de cinco e un máximo de quince integrantes.

Oferta de obradoiros da EMMA nos sábados de abril e maio

O primeiro obradoiro deste ciclo será o de beatbox, que se desenvolverá o sábado 9 de abril. “Beatbox, máis alá da túa voz” será a proposta dirixida polo cantante e beatboxer Narci Rodríguez, na que as persoas asistentes coñecerán técnicas básicas e primeiras rutinas para probarse nesta disciplina. Asemade, presentarase a historia e a orixe do beatbox, e mostraranse diferentes tendencias, estilos e modalidades.

O segundo curso do mes terá lugar o sábado 23 abril, nesta ocasión afondando na música tradicional galega e na percusión miúda. Ramón Dopico presentará cinco instrumentos de pequena percusión presentes na cultura musical de Galicia, historicamente rexeitados e ás veces non recoñecidos como tal. O obradoiro, de nivel inicial, percorrerá os diferentes timbres, cores, patróns rítmicos e xeitos de tocar as tarrañolas, as culleres, as cunchas, a tarabela ou o triángulo.

Xa na primeira quincena de maio, o sábado 7, celebrarase o taller de canto moderno, impartido pola cantante profesional, vocal coach e directora da EMMA, Pilar Martínez. As dúas horas de curso dividiranse en dúas partes. Na primeira, dedicada á técnica vocal, traballarase a relaxación, os coidados e a respiración, así como conceptos como a vocalización, a afinación ou as colocacións da larinxe e dos resonadores. Xa na segunda parte, incidirase na creación musical, mostrando como ensaiar, cantar e gravar unha canción. Cada persoa participante deberá levar unha botella de auga propia.

Por último, o sábado 21 de maio será a quenda da música afrocubana, cunha introdución aos ritmos desta cultura da man de Amaury Quintero, coach, percusionista profesional e tamén docente na EMMA. O curso presentará os diferentes instrumentos de percusión propios de ritmos como o son, o mambo ou o chachachá, co fin de que as persoas asistentes poidan aprender máis sobre esta linguaxe e identificar aspectos da cultura afrocubana. Á vez, poderán iniciarse na práctica destes ritmos, nun obradoiro de iniciación que repartirá as súas horas entre parte teórica e práctica.

Multimedia