- Tematica
O Concello de Ames, a través do departamento de Educación, organiza unha nova edición do servizo de conciliación “Entroido Lúdico”, unha proposta educativa e de ocio que pretende axudar á conciliación entre a vida laboral e persoal da veciñanza de Ames durante o período non lectivo do Entroido entre os días 3 e 5 de marzo. Para facer uso do servizo é preciso acreditar a necesidade de conciliación coa documentación pertinente. Pódese descargar o impreso de solicitude na seguinte ligazón. Ao pé desta nova podes atopar o resto de anexos pertinentes.
Os centros nos que se desenvolverá o Entroido Lúdico deste ano serán a EEI do Milladoiro, o CEP de Ventín e o CEIP da Maía, ofertando cada centro un total de 30 prazas (no caso do CEIP da Maía son 30 prazas para infantil e outras 30 para primaria).
O programa oferta os servizos de conciliación habituais dentro do concello, como o Bos Días ou o comedor, para así adaptarse ás necesidades de cada familia. Así mesmo, os horarios de entrada dos nenos e nenas poden comezar ás 7:30 ou ás 9:30 horas, cun almorzo opcional para as crianzas máis madrugadoras, mentres que as horas de recollida serán ás 14:00 ou ás 16:00 horas.
Presentación de solicitudes
O prazo de inscricións está aberto desde hoxe 3 de xaneiro ata o vindeiro 17 de xaneiro. As solicitudes poderán facerse de forma presencial das oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello de Ames (Milladoiro ou Bertamiráns) ou de forma telemática a través da Sede Electrónica. Tamén se poden presentar a través de calquera outro rexistro ao que se refira o artigo 16 da Lei 39/2015, de 1 de outubro de procedemento administrativo común das AAPP.
Unha vez rematado o prazo de inscrición, publicarase a listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas na sección de avisos da web municipal e na páxina conciliames.gal, na que se establecerá un prazo para entregar a documentación requirida naqueles casos nos que sexa preciso.
Documentación necesaria
As persoas interesadas deben presentar, salvo que xa estea en poder do persoal do departamento de Educación, a seguinte documentación: copia auténtica ou cotexada do libro de familia e do DNI do titular da conta; documentación que indique a ocupación dos pais, nais, ou responsables legais; certificados de traballo e, de ser o caso, certificación de estar realizando cursos de formación ou calquera outra que especifique a necesidade de conciliar a vida laboral e familiar. De ser o caso, deberá presentarse ademais, un informe médico que acredite a necesidade de dieta ou calquera outro tipo de tratamento especial. No caso de ruptura familiar, tamén se debe presentar documentación que o xustifique.
Para máis información pódese chamar ao número de teléfono do departamento de Educación, o 981 891 476, ou ben enviar un correo electrónico ao enderezo educacion@concellodeames.gal.