Solapas principales

Últimos días para participar na sexta edición do Certame Literario Concello de Ames

Lunes, 8 abril, 2019
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Normalización Lingüística, organiza a décimo sexta edición do Certame Literario de narrativa e poesía que se convoca de forma anual. As persoas que desexen participar poderán enviar os seus textos ata o xoves 11 de abril. Poderá concorrer a este certame calquera persoa que presente textos inéditos de temática libre escritos en lingua galega. En cada modalidade do certame, que se divide en narrativa e poesía, establécense tres categorías e, en cada categoría, tres premios. Repartiranse preto de 3.000 euros. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases do certame literario e a ficha de participación.

O Certame Literario Concello de Ames acada este ano unha nova edición convertido nun dos concursos de referencia dentro do mundo da poesía e narrativa de Galicia. Unha boa mostra diso é que nas quince edicións anteriores recibíronse máis de 1.950 traballos. Dirixido a todos os e as amantes da literatura, sexa cal sexa a súa procedencia, este concurso é un referente para os novos creadores e creadoras, e supón unha boa oportunidade para todas aquelas persoas que desexen poñer en práctica a súa capacidade creativa. A través desta iniciativa preténdese impulsar a creación literaria na nosa lingua e difundir a cultura propia, como un xeito de contribuír tamén á normalización lingüística e cultural.

Así, todas as persoas que desexen participar no certame poderán enviar os traballos ata o mesmo día 11 de abril de 2019. Haberá que remitir 4 exemplares do texto, en folios mecanografados por unha soa cara, a dobre espazo e tamaño de letra 12 ao enderezo “Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames. Avenida de Azcárraga número 5, Bertamiráns, 15220 Ames, A Coruña”. A extensión mínima será de 2 páxinas en narrativa e de 20 versos en poesía, mentres que a máxima será de 6 páxinas en narrativa e de 50 versos en poesía. Ademais, cómpre lembrar que o tema é libre e que só se poderá presentar un traballo por persoa en cada unha das modalidades.

Asemade, é esencial que os textos sexan presentados baixo pseudónimo, e neles non aparezan datos persoais nin sinaturas, co obxectivo de garantir o anonimato do/a autora. Por outra banda, nos catro exemplares do texto terán que figurar a modalidade, ou ben narrativa ou ben poesía; a categoría na que compiten e o pseudónimo do autor ou autora. A ficha de participación que recolle os datos persoais introducirase nun sobre pechado, que conterá datos como o nome e apelidos, idade, copia do DNI, teléfono de contacto, enderezo postal e electrónico e declaración responsable de non estar incurso/a en supostos que impidan obter a condición de beneficiario/a e de atoparse ao corrente nas obrigas tributarias e coa seguridade social. A ficha de participación pode descargarse no banner do certame literario que estará na cabeira da páxina web do Concello de Ames.

No tocante ás persoas menores de idade, ademais do anterior deberán achegar os datos dunha persoa maior de idade que exerza como representante legal. O sobre cos datos persoais e as catro copias do texto introduciranse nun sobre máis grande. No remite deste sobre grande terá que marcarse claramente, de novo, a modalidade, a categoría e o pseudónimo do autor ou autora, pero nunca o nome real.

Modalidades
O certame está composto por dúas modalidades, narrativa e poesía, e cada unha delas está dividida en tres categorías, de xeito que poden participar persoas de calquera idade. Os nenos e nenas que teñan ata 13 anos poderán participar na primeira categoría, mentres que a segunda está dirixida a rapaces e rapazas de 14 a 17 anos e a terceira ás persoas de 18 anos ou máis. Haberá tres premios en metálico por cada unha destas franxas de idade en ambas as modalidades, que serán de 150 euros, 120 euros e 90 euros na primeira categoría;180 euros, 150 euros e 120 euros na segunda; e 260 euros, 210 euros e 180 euros na terceira.

Integrantes do xurado
O Concello de Ames designará un xurado integrado por persoas de recoñecido prestixio no ámbito cultural e a súa decisión farase pública o 10 de maio de 2019. Por outra banda, os premios entregaranse o 16 de maio nun acto público que se celebrará na Casa da Cultura do Milladoiro. Ademais dos correspondentes premios en metálico, os gañadores e gañadoras verán publicados os seus textos nun libro colectivo que recompila os traballos premiados en cada edición.

Publicación dos traballos premiados
O Concello de Ames, en colaboración con Feiraco, empresa colaboradora do certame, publicará os traballos premiados nunha antoloxía creada para tal efecto, sen apercibimento de dereitos de autoría e compensando aos/as autores/as con cinco exemplares do volume que se edite. As persoas gañadoras do certame deberán entregar posteriormente os textos en formato dixital. No caso de que os autores decidan publicar pola súa conta algún dos textos gañadores, deberán facer referencia ao premio obtido neste certame. Os quince libros de recompilacións publicados ata o de agora recollen un total de de 270 traballos, que foron premiados neste concurso. Cada antoloxía publicada contén os 18 traballos premiados de cada edición.

Os e as interesadas en recibir máis información sobre este certame literario poden chamar ao número de teléfono 662 377 215 ou enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal correspondente ao Servizo de Normalización lingüística (SNL) do Concello de Ames.

Multimedia