Solapas principales

A Xunta publica a convocatoria dos cursos preparatorios para as probas dos Celga 1, 2, 3 e 4

Lunes, 21 febrero, 2022
O departamento de Normalización Lingüística do Concello de Ames informa da Resolución do 26 de xaneiro de 2022, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se anuncia, con carácter voluntario e gratuíto, a convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios das probas para obter os certificados de lingua galega Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4. O prazo de presentación das solicitudes de inscrición estará aberto ata o 7 de marzo.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de convocar, con carácter gratuíto, cursos de lingua galega preparatorios das probas para obter os certificados de lingua galega (Celga), niveis 1, 2, 3 e 4, que se indican nos anexos I (cursos presenciais) e II (cursos en liña).

Os cursos preparatorios para os certificados de lingua galega (Celga) poderán ser solicitados por todas as persoas maiores de 16 anos ou por aquelas que os fagan no ano natural da convocatoria, que desexen mellorar o seu coñecemento e dominio do galego e preparar as probas que a Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca periodicamente para certificar a competencia nesta lingua.

As persoas que desexen participar nestes cursos deberán acceder ao enderezo electrónico https://formacion-lingua.xunta.gal, seleccionar o curso que desexen e cubrir a solicitude de inscrición. Non serán admisibles outras formas de presentación das solicitudes. As solicitudes cubertas adecuadamente entenderanse presentadas na Secretaría Xeral de Política Lingüística unha vez que se complete correctamente o proceso de inscrición.

Cada persoa só poderá inscribirse nun único curso. Do contrario, quedará automaticamente excluída do proceso de selección. A falsidade ou a ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes tamén dará lugar á exclusión automática, así como a presentación de solicitudes fóra de prazo.

O prazo de presentación das solicitudes de inscrición será de 15 días hábiles, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Deste xeito, o prazo de inscrición vai dende o 15 de febreiro ata o 7 de marzo.

Para obter máis información pódese premer nesta ligazón.