- Tematica
O Concello de Ames conmemora este 23 de febreiro o aniversario da poetisa Rosalía de Castro, cun acto de homenaxe e a inauguración do mural “As Rosalías”, un novo traballo de Yoseba Muruzábal. Será ás 18:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Alí o alumnado do IES do Milladoiro lerá un manifesto, así como varios versos e textos da figura homenaxeada, acompañados de membros da Corporación municipal e da actriz Patricia de Lorenzo. Trátase dun acto aberto a toda a veciñanza.
O mural “As Rosalías” é obra do muralista cambrés Yoseba Muruzábal, que con este proxecto dá continuidade a unha iniciativa que comezou en 2021, cunha creación similar na Casa de Barbazán, en Bertamiráns. En ambos proxectos, Muruzábal busca mostrar á autora máis importante da nosa literatura como unha figura vixente e actual, comprometida coa igualdade e a xustiza social.
A presentación da obra será o colofón dun acto institucional que se desenvolverá na Casa da Cultura do Milladoiro, onde se está a pintar o mural. Na homenaxe, o alumnado do IES do Milladoiro lerá varios versos de Rosalía de Castro e un manifesto, acompañados da actriz Patricia de Lorenzo.
Dende este ano, o Día de Rosalía de Castro pasa a celebrarse o 23 de febreiro, despois de que unha recente investigación, realizada por Sagrario Abelleira, revelase nova documentación que demostra datos inéditos sobre a vida da autora, como a súa data de nacemento. Ata este ano, esta xornada celebrábase o día 24, data do bautismo de Rosalía, do que si se coñecían rexistros.