- Tipo
- Tematica
A Concellaría de Cultura continúa en xuño as proxeccións do Ciclo Mestre Mateo, co último dos filmes nominados na categoría de mellor documental nos XX Premios Mestre Mateo, “Welcome to ma maison”. Trátase dun filme experimental que xoga co formato documental para romper as barreiras entre actor, persoa e personaxe, mostrando o comezo da viaxe dun apaixonado do cinema aos Ánxeles para buscar ao seu director favorito. Será o próximo mércores, 22 de xuño, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Os convites, de balde, xa se poden retirar na Billeteira electrónica do Concello de Ames.
“Welcome to ma maison” é un falso documental, rodado a modo de making of, onde todo o que se nos mostra é 100% real. O filme retrata a Igor Fernández, un amante do cinema que inicia unha viaxe á cidade de Hollywood, Os Ánxeles, para coñecer ao director Nicolas Winding Refn, do que é un gran admirador.
Ao non atopar o rumbo, o filme entra de golpe no interior do seu protagonista, facendo difusa a liña que separa a realidade e a ficción, o actor, a persoa e o propio personaxe. Deste xeito, experiméntase coa metanarración, construíndo ficción con imaxes reais, sentimentos sinceros e problemas verdadeiros.
O filme é unha produción de Gaitafilmes, en colaboración con Mordisco Films, e está dirixido por Andrés Goteira, que neste “Welcome to ma maison” ten a súa segunda película, despois de debutar con “Dhogs” en 2017, co que conseguiu 13 dos 17 premios aos que optaba nos Mestre Mateo 2017. Nesta ocasión, este proxecto estivo nominado a mellor montaxe e a mellor documental.