- Tipo
- Tematica
O Concello de Ames oferta para o primeiro semestre de 2025 unha programación de artes escénicas composta por un total de 13 obras, de teatro, danza e circo, dirixidas para público adulto e infantil. Unha das actuacións será a da peza teatral "As Desterradas", da compañía Producións Teatrais Excéntricas, que se representará o 28 de marzo, ás 20.30 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. As entradas poden adquirirse na Billeteira electrónica a partir do 8 de xaneiro.
“As desterradas”, unha peza da compañía Producións Teatrais Excéntricas, é unha obra escrita por Carme Varela (25º Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais), conta como unha comunidade de monxas á beira do río Miño vense ameazadas pola xerarquía eclesiástica. Deste xeito, nárrase unha historia de resistencia e poñer en valor a loita destas mulleres.
No século XVI unha pequena comunidade de monxas á beira do Miño vese ameazada pola cobiza da xerarquía eclesiástica. Os señores da Igrexa, para rematar coa resistencia das freiras non dubidan en difamalas e ameazalas por todos os medios, desde o tribunal da inquisición á violencia das mesnadas señoriais. Carme Varela reconstrúe nun thriller conventual aqueles tempos de resistencia das comunidades de mulleres autosucientes e poderosas.
A vida parece continuar coas súas rutinas de rezos, bordados e melindres, mais a negra sombra da ameaza exterior abátese sobre o convento de Albeos. A obra de Carme Varela foi un fenómeno editorial singular. Chegou ás cinco edicións nun ano, insólito para un texto teatral.