O Concello de Ames presenta a programación infantil con Apego para o primeiro semestre do 2025 na que colaboran os departamentos de Bibliotecas, Cultura e Normalización Lingüística. O programa inclúe arredor de 40 actividades dirixidas a familias con crianzas que se desenvolverán entre os meses de xaneiro e xuño. Na ampla variedade de propostas, coas que tamén se festexará o ano das cantareiras, podemos atopar actividades que van desde arrolos, música de diferentes estilos, obradoiros, teatro, contos, picadiscos, novo circo, unha foliada, fotografía, xogos, unha viaxe, maxia e unha festaza con moito Apego, todas elas co obxectivo de achegarlles ás familias recursos lúdicos e culturais que estimulen o coñecemento e o apego pola lingua.
O día 7, na Casa da Cultura de Bertamiráns, chegará Pakolas para ofrecer o concerto “Ecoralia, a lambona ecolóxica”, un traballo centrado na concienciación sobre os beneficios de consumir alimentos naturais. Esta actuación ten un forte contido de humor mentres que, ao mesmo tempo, as crianzas poderán contar e gozar ao ritmo do novo proxecto de Pakolas.
A inscrición desta actividade está aberta dende o 31 de xaneiro ata o 6 de febreiro. Para participar, só hai que mandar un correo ao enderezo electónico normalizacion@concellodeames.gal. Para máis información, podes poñerte en contacto co servizo de Normalización Lingüística chamando ao número de teléfono 662 377 215.