- Tipo
- Tematica
As bibliotecas municipais de Ames pechan o ano cun novo encontro literario. Nesta ocasión acollendo ao doutor en Historia, Francisco Leira Castiñeira, e ao seu libro "Los Nadies de la Guerra de España". Será este mércores 21 de decembro, ás 20:00 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Acompañará ao autor o profesor e tradutor, Xabier Ron, nun acto presentado pola concelleira de Cultura, Natividade González.
As bibliotecas de Ames celebran unha nova edición dos seus encontros literarios do curso 2022-2023 este mércores 21 de decembro. O doutor en Historia, Francisco Leira Castiñeira, presentará "Los Nadies de la Guerra de España", unha obra editada por Akal. A entrada é libre ata completar aforo.
O departamento de Bibliotecas de Ames organiza deste xeito o oitavo encontro literario do curso 2022-2023, unha das principais actividades programadas para adultos. Dende setembro xa interviñeran os autores Diego Rojo, Eduardo Estévez, Xosé Manoel Núñez Seixas, Fernando Franjo, Alfredo Conde, Marga Tojo e Elba Pedrosa. Este novo encontro estará presentado pola concelleira de Cultura, Natividade González. Francisco Leira estará acompañado polo profesor e tradutor, Xabier Ron.
“Los Nadies de la Guerra de España” relata a historia de varias persoas que sufriron a Guerra Civil nos seus diversos aspectos. A través de cada un dos capítulos quérese mostrar unha realidade poucas veces destacada nos libros de historia: os medos, as emocións, as contradicións das persoas correntes. Cada un dos capítulos deste libro versa sobre unha narrativa dun individuo que padeceu a Guerra de España. Cada un deles foi un individuo con medos, preocupacións e contradicións polos que puido pasar calquera persoa, con independencia de ideoloxías, cultura ou clase social.