- Tipo
- Tematica
O departamento de Bibliotecas amesán acolle esta semana dúas novas presentacións de libros, achegando un mes máis novos proxectos literarios á veciñanza. A primeira delas será “Unha cervexa Chang”, do escritor Manuel Portas que explora mares narrativos que nunca antes navegara, introducíndonos no mundo da investigación pseudodetectivesca, no do comercio ilegal dos tesouros perdidos e nunha trama en que nada é o que a priori pode parecer.
A terceira presentación do mes de xuño será este mércores, 15 de xuño, con Manuel Portas e o seu libro “Unha cervexa Chang”. Trátase dun libro que narra como ás veces cando temos un problema que non sabemos como resolver, cómpre afastarse da realidade e contemplala a distancia. E isto é o que fai Daniel, o protagonista protagonista desta novela, que en plena crise persoal e económica decide aproveitar as vacacións de Nadal para descansar lonxe, nunha praia paradisíaca de Tailandia. Só para iso, para que as ameazadoras circunstancias que o abafan, un matrimonio fracasado, un negocio de antigüidades en decadencia, unha familia que lle reclama responsabilidades desmedidas e unha ansia de liberdade que xa parece ilusión, queden un tempo á marxe e deixen albiscar un horizonte novo.
Mais, cando xa está a piques de volver para a casa, aos serios problemas do negocio familiar e á súa contraditoria vida sentimental súmaselle un acontecemento inesperado que vai complicar aínda máis a súa maltreita existencia.
Manuel Portas é profesor de lingua e literatura no Instituto Xelmírez I de Santiago, do que é o seu director. Alén da colaboración en obras de carácter didáctico e publicacións pedagóxicas, é coñecido polo seu labor no campo da análise sociolingüística, onde salienta Língua e sociedade na Galiza (1990), obra sobranceira da sociolingüística galega. Denso recendo a salgado (2010) foi a súa primeira novela. Seguírona Un dedo manchado de tinta (2011), Faneca Brava (2013) e Amor en alpargatas (2015). Con Lourenço, xograr obtivo o Premio García Barros en 2015. No acto de presentación Manuel Portas estará acompañado polo autor, investigador e crítico Xosé Antonio López Silva; pola concelleira de Cultura, Natividade González e polo alcalde de Ames, Blas García.