Solapas principales

> Evento tecnolóxico: "Día da AMTIC"

Sábado, 10 diciembre, 2022
A partir das 10:30 horas

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura e Tecnoloxías da Comunicación, organiza o evento tecnolóxico “Día da AMTIC”, que se desenvolverá o sábado 10 de decembro de 10:30 a 20:00 horas na Casa da Cultura do Milladoiro. Haberá actividades informáticas como talleres de administración electrónica, de impresión 3D ou do programa GIMP para todos os públicos, así como distintos espazos permanentes con torneos e obradoiros, e unha charla denominada “Adiccións e videoxogos. Como evitar que o meu fillo/a me arruíne”.

As actividades informáticas do espazo AMTIC darán comezo a partir das 11:00 horas cun taller de administración electrónica, que versará sobre os certificados electrónicos e como usalos, e que está especialmente enfocado na sede electrónica do Concello de Ames.

De 12:30 a 13:30 e de 18:00 a 19:00 horas terán lugar dous obradoiros de impresión 3D. Neste caso, os asistentes aprenderán a empregar un sinxelo programa e poderán poñer en práctica os coñecementos adquiridos facendo as súas propias impresións.

Finalmente, de 16:30 a 17:30 horas celebrarase un taller que xirará arredor do programa de edición de imaxes GIMP. Como o resto de actividades, estará aberto a todos os públicos, e poderán participar pais e fillos de maneira simultánea.

Para asistir a calquera dos catro obradoiros é necesario inscribirse previamente, enviando un correo ao enderezo electrónico informatica.milladoiro@concellodeames.gal, no que se indiquen o taller no que se quere participar, nome, apelidos e un teléfono de contacto.

Por outro lado, os espazos abertos de actividades permanentes (obradoiro de Hama beads, creación de espadas láser, torneo FIFA, e xogos cos Nintendo Switch) estarán instalados na Casa da Cultura de 10:30 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, e irán desenvolvéndose ao longo do día nesa franxa horaria, segundo vaian chegando os interesados. Para participar no torneo de FIFA tamén é necesaria inscrición previa, escribindo ao correo amesenxogo@gmail.com e indicando nome, apelidos e teléfono de contacto.

No caso da conferencia sobre adicións e videoxogos, que terá lugar de 12:30 a 13:30 horas, a entrada é libre ata completar aforo.