- Tipo
- Tematica
O Concello de Ames presenta a programación infantil con Apego para o primeiro semestre do 2025 na que colaboran os departamentos de Bibliotecas, Cultura e Normalización Lingüística. O programa inclúe arredor de 40 actividades dirixidas a familias con crianzas que se desenvolverán entre os meses de xaneiro e xuño. Na ampla variedade de propostas, coas que tamén se festexará o ano das cantareiras, podemos atopar actividades que van desde arrolos, música de diferentes estilos, obradoiros, teatro, contos, picadiscos, novo circo, unha foliada, fotografía, xogos, unha viaxe, maxia e unha festaza con moito Apego, todas elas co obxectivo de achegarlles ás familias recursos lúdicos e culturais que estimulen o coñecemento e o apego pola lingua.
O día 24, terá lugar a xa tradicional excursión a Carballolandia da man de Anxo Moure. A rapazada poderá gozar dunha xornada diferente na Ribeira Sacra, onde descubrirán novos recunchos da natureza galega e as historias dos seres mitolóxicos na nosa terra. Os nenos e nenas visitarán o Eco-museo do Pazo de Anxeriz, o eco-espazo de Carballolandia e a contorna do Río Miño. A saída será ás 9.30 e o regreso ás 21.00 horas. Os participantes deberán levar a súa propia comida para xantar e merendar no campo.
A inscrición desta actividade está aberta do 16 ao 23 de maio. Para participar, só hai que mandar un correo ao enderezo electónico normalizacion@concellodeames.gal. Para máis información, podes poñerte en contacto co servizo de Normalización Lingüística chamando ao número de teléfono 662 377 215.