- Tipo
A I Feira do Voluntariado de Ames inaugurarase na tarde do venres, 28 de maio, ás 17:00 horas, co acto de recepción e benvida ás entidades participantes e unha mesa redonda na que Ames, Brión, Negreira e Vedra, os catro concellos que participan no evento, debaterán sobre o lema que rexe a feira: “O voluntariado municipal, participar para transformar”. Podes consultar aquí o programa de actividades. Tamén podes coñecer o horario, as persoas e os temas dos faladorios.
Na solaina e nos xardíns do pazo colocaranse 20 carpas onde as distintas entidades participantes amosarán os seus proxectos, ofrecerán información do que significa e que trámites hai que seguir para facerse voluntario/a e realizarán faladoiros e actividades para todas as idades. Porque, como xa acontecera coa Feira da Saúde organizada polo mesmo departamento, a Feira do Voluntariado de Ames ofrecerá un continúo de charlas durante toda a xornada do sábado. Cómpre salientar os concertos cos que rematarán as dúas xornadas. O venres estará na Feira a cantautora arzuá M.J Pérez e o sábado os amesáns Arévalo e Giannetto Rock Soul.
Autobuses desde Milladoiro e desde o rural
Co obxectivo de que a poboación teña máis doado achegarse ao Pazo da Peregrina onde se desenvolverá o evento, ofrécese un servizo de autobuses de balde desde o Milladoiro. Sairán da Casa da Cultura tanto o venres como o sábado, ás 16:30 e regresarán ás 21:00 horas. O sábado pola mañá sairán ás 10:00 horas e regresarán ás 13:30. Os autobuses pasarán tamén polas paradas habituais do rural. Para poder acollerse a este servizo, é necesario reservar praza nos teléfonos 662 377 302 e 683 327 375.