- Tipo
- Tematica
O mes de agosto chega ao seu fin e, con el, o servizo de Bibliopiscinas que se vén prestando dende comezos do mes de xullo nas piscinas descubertas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro e na praia fluvial de Tapia. Este sábado, 31 de agosto, e coincidindo co último día das Bibliopiscinas, haberá unha festa con diversos xogos e obradoiros na área recreativa de Tapia. O Concello de Ames desenvolve o servizo de Bibliopiscinas dende hai 17 anos, achegando ás familias amesás libros, xogos, contos, xoguetes e varias actividades ás zonas de baño do concello durante os meses de xullo e agosto.
O servizo de Bibliopiscinas chega ao seu fin nas piscinas descubertas de Bertamiráns e Milladoiro, así como na área recreativa de Tapia. Esta iniciativa, impulsada pola Concellaría de Cultura, ten como obxectivo achegarlle á veciñanza os servizos tradicionais das bibliotecas a estas zonas de ocio, para que poidan gozar dos libros, xogos, contos, xornais e outras actividades mentres se refrescan.
A festa de clausura das Bibliopiscinas realizarase este sábado, 31 de agosto, de 16.00 a 20.00 horas, na praia fluvial de Tapia. Ao longo da tarde desenvolveranse diferentes actividades como un taller de maquillaxe, un xogo de bingo infantil, un obradoiro de globoflexia e outros xogos para que os nenos e nenas pasen unha tarde entretida. Ademais, haberá outro tipo de sorpresas que para descubrilas haberá que acudir á festa.