- Tipo
- Tematica
O domingo 24 de marzo celébrase no Milladoiro a primeira edición do Trofeo de Marcha Atlética en ruta, que puntúa para o Circuíto Galego de Marcha Atlética 2024. Poderán intervir atletas con licenza en vigor pola Federación Galega de Atletismo.
Haberá sete probas distintas tendo en conta a categoría. Deste xeito, a primeira proba comezará ás 10.45 horas para os/as atletas dub 12 masculina. A continuación, ás 11.00 horas, disputarase a proba sub 12 feminina. En ambos os dous casos a distancia será de dous quilómetros. A proba da categoría sub 10 masculina comezará ás 11.15h, mentres que a proba da categoría sub 10 feminina comezará ás 11.25 horas. Neste caso a distancia que teñen que percorrer é dun quilómetro.
Ás 11.35 horas será a quenda dos/as atletas da categoría sub 14 (compiten xuntos homes e mulleres) que terán que percorrer dous quilómetros, mentres que ás 11.55 horas comezará a proba da categoría sub 16, que percorrerán unha distancia de tres quilómetros. Neste caso tamén participan xuntos as categorías feminina e masculina. A última proba será ás 12.20 horas, correspondente á categoría absoluta que percorrerán cinco quilómetros.
Os/as participantes deberán acceder á Cámara de chamadas provistos dun documento de identificación oficial ou licenza federada en formato dixital con foto antes do peche da mesma. De non ser así, non poderá participar salvo causa xustificada e aceptada polo xuíz árbitro da competición. Os atletas deberán saír á zona de competición coa camiseta e os dorsais postos. O peche da cámara de chamadas será 10 minutos antes da proba.
Os/as tres primeiros/as atletas clasificados/as das categorías sub 10, sub 12, sub 14, sub 16, sub 18, sub 20, absoluta e máster recibirán unha medalla conmemorativa, sendo de obrigado cumprimento acudir ao protocolo de entrega de premios.