Solapas principales

> III edición de "Altamira Brilla"

Sábado, 10 junio, 2023
A partir das 9:30 horas

“Altamira Brilla”, a festa histórica do val da Maía, organizada polos Concellos de Ames e Brión, xunto coa Deputación da Coruña, para conmemorar a histórica Batalla de Altamira, chega o sábado 10 de xuño á súa terceira edición.O programa está conformado por unha ruta teatralizada polos escenarios da batalla, polos espectáculos de Títeres Alacrán e do grupo teatral Os Quinquilláns; e pola actuación musical de Fillas de Cassandra. Preme nesta ligazón para reservar as entradas, que son de balde. 

O programa dará comezo coa ruta teatralizada polos escenarios da batalla, na que se recorrerán os lugares de Augapesada, Ponte Maceira, Burgueiros, Trasmonte, Carballo, O Portanxil, Leboráns e As Torres. Haberá servizo de autobús, con saída dende dous puntos: a carballeira de Santa Minia (Brión), ás 9:30 horas; e o Pazo da Peregrina (Bertamiráns), ás 9:45 horas. Dende Trasmonte ata As Torres farase unha andaina a pé. Ao remate, os participantes regresarán en autocar ata os lugares de saída.

As persoas interesadas en formar parte da actividade deben inscribirse previamente, escribindo ao enderezo electrónico rutabatallaaltamira@gmail.com e indicando o seu nome, apelidos e DNI. Hai 50 prazas dispoñibles, que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición.

Durante a tarde, terán lugar tres espectáculos. Ás 18:30 horas, Títeres Alacrán representará “Barrigaverde defendendo as Torres de Altamira”, unha obra pensada para o público familiar.

Poñeranse a disposición dos asistentes dous autobuses lanzadeira para acudir á representación artística e ao concerto programado. Os autocares comezarán a saír dende a carballeira de Santa Minia dirección ás Torres de Altamira a partir das 20:00 horas, e non retornarán ata rematar o último espectáculo da xornada.

A recreación teatral, “A batalla de Altamira”, correrá a cargo da compañía Os Quinquilláns, e terá lugar ás 20:30 horas. Finalmente, pechará o programa o dúo Fillas de Cassandra. Procedente de Vigo, é un dos proxectos da nova música emerxente máis prometedor do panorama galego. O seu primeiro traballo, Acrópole (2023) acaba de ser presentado e colleita xa numerosas críticas positivas. A súa é unha aposta pola recuperación das melodías tradicionais e a creación de novas líricas, inspiradas no canto de tradición oral pero tamén influenciadas polo pop, a electrónica e a música clásica. As súas composicións, sempre creadas dende unha ollada feminista e actual, transitan da emotividade ao desenfado, sen esquecer o activismo.

Os tres espectáculos son de balde, aínda que é preciso reservar o convite previamente, premendo nesta ligazón.