Solapas principales

>III Feira da Saúde e Ben-Estar

Sábado, 13 abril, 2024
A partir das 11:00 horas

Este sábado, 13 de abril, a Praza da Maía de Bertamiráns acollerá a terceira edición da Feira de Saúde e Ben-Estar, organizada polo Concello de Ames a través da concellería de Promoción da Saúde. A partir das 11:00 horas e ata as 19:00 horas, un total de 9 asociacións (ALCER, ANEDIA, ACEM, Fonte da Virxe, Alcohólicos Anónimos, AL-ANON, CONARTRITES, ASANOG e AEPPNA) participarán neste evento cos seus stands para proporcionar información sobre a súa labor a todas aquelas persoas que se acheguen ata a feira. A temática central desta edición será a menopausia e os seus efectos na vida das mulleres

A inauguración da Feira farase as 11.00 horas. De seguido, ás 11:15 horas, comezarán as charlas e faladoiros que se van impartir na Casa dos Maiores, situada na praza da Maía. A primeira charla será ás 11.15 horas. Tratará sobre a “Sexualidade no eido das patoloxías crónicas” e será impartido por Alfredo Saborido, traballador social e sexólogo de ALCER Coruña.

Ás 12:00 horas terá lugar un faladoiro sobre menopausia, no que participarán Gretel Lichtenstein, médica de familia do centro de saúde do Milladoiro e do PAC de Santiago de Compostela; Ángeles Martínez Ríos, matrona do centro de saúde de Bertamiráns; María Vilariño Ínsua, matrona do centro de saúde de Bertamiráns e Brión; e Olalla Fernandez Seijas, nutricionista co centro de saúde de Bertamiráns e Brión.

O segundo faladoiro será ás 17:00 horas, da man da psicóloga xeral sanitaria, terapeuta familiar e sexóloga, Belén Montesa Lou; e da fisioterapeuta do centro de saúde do Milladoiro, Diana Otero Lorenzo. Tamén participará Margely Morales, facultativa especialista de área en Obstetricia y Ginecología del CHUS. A última charla será “Como alcohólicos anónimos traballa na súa comunidade”, ás 19:00 horas, impartida pola asociación Alcohólicos Anónimos.

Obradoiros na carpa da praza da Maía
Por outra banda, tamén haberá obradoiros para achegar á veciñanza a labor destas asociacións. Deste xeito, haberá tres actividades infantís: ás 11:45 horas, ASANOG organiza “O termómetro das emocións; ás 12:45 horas comezará “O xogo dos manteis”, impulsado por AEPPNA; e, ás 18:30 horas, Estíbaliz Grande impartirá o obradoiro “Canto azucre teñen os alimentos?”. Así mesmo, tamén haberá unha actividade aberta a tódolos públicos: o obradoiro “Ponte no meu lugar”, ás 17:30 horas, organizado pola asociación CONARTRITES.

TaiChi e marcha nórdica
Tamén haberá espazo para o deporte. Ás 11:30 horas, haberá unha sesión de TaiChi no parque do Ameneiral, e ás 18:00 horas, unha ruta de marcha nórdica. O punto de encontro para ambas as dúas actividades será a carpa da praza da Maía. O percorrido da ruta de macha nórdica variará en función do nivel e número de participantes. En ambas actividades non é necesario ter coñecementos previos para participar.

Multimedia