Solapas principales

>Maianas presentan o seu novo disco Fala de min!

Sábado, 27 julio, 2024
Ás 20.00 horas

O parque do Ameneiral, situado en Bertamiráns, acolle o próximo sábado, 27 de xullo, ás 20.00 horas, a presentación do novo disco das Maianas. Fala de min! é o novo traballo discográfico do grupo de cantareiras Maianas, que está formado por doce pezas de composición propia e versións de temas populares. O grupo de cantareiras Maianas formouse no ano 2007 no concello de Ames, tras coñecérense as súas integrantes nos obradoiros municipais de baile e música tradicional do Concello de Ames.

Fala de min! é o novo traballo discográfico de Maianas, formado por doce pezas de composición propia e versións de temas populares. Nas cancións do novo disco hai oco para a rexouba, o amor e o desamor, a nostalxia e a vontade de seguir sementando cultura e tradición. Os ritmos lévannos dende a muiñeira e a xota ata a rumba, a habanera ou o blues, con melodías que xogan harmonicamente coas voces.

É un traballo no que seguimos escoitando o son que caracteriza a Maianas, que combinan a base de pandeiretas e pandeiros tradicionais coa guitarra española, o clarinete e outros instrumentos de percusión. O público poderá escoitar por primeira vez o conxunto dos temas o sábado 27 de xullo, nun concerto de presentación que ofrecerá o grupo no parque do Ameneiral, en Bertamiráns, ás 20:00 horas.

O disco Fala de min! chega catro anos despois do seu traballo De trisca!, co que percorreron boa parte da xeografía galega. O grupo aposta pola distribución da súa nova música nas plataformas dixitais, onde xa se poden escoitar tanto os temas de De trisca! como algúns que adiantan a publicación do álbum Fala de min! O novo disco tamén se distribuirá en formato físico, que o público poderá seguir atopando nos concertos de Maianas.