- Tipo
- Tematica
O ciclo “Música na noite” remata o sábado, 12 de setembro, coa actuación de Monoulious DOP en acústico. Será na praza da Maía, en Bertamiráns, a partir das 22.00 horas. Este ciclo enmárcase no programa AmesOn, para dinamizar o sector cultural e mailo comercio de Ames. Non é preciso reservar entrada de xeito anticipado. O aforo será limitado e irase completando a medida que vaia chegando a xente.
Monoulious DOP nace en 2012 como un proxecto musical único e exclusivo para Internet. A curiosidade de Ula e Mon, dous amigos de toda a vida, fai que suban á rede videoclips que eles mesmos producen e que coa forza das redes sociais pronto contan co apoio do público. Este empuxe é o que os leva a montar unha banda en clave de rock. Após dun bo número de concertos, na primavera de 2017 a banda edita o seu primeiro traballo, un dobre LP baixo o nome de “LP Padre”. O disco foi presentado en festivais e nas mellores salas galegas.
Retransmisión vía streaming
O concerto de Monoulious DOP será transmitido vía streaming en modo proba. Dende o departamento de Comunicación vaise iniciar un proxecto de retransmisión vía streaming de diferentes eventos municipais que organiza o Concello de Ames ao longo do ano. Este será o primeiro evento que se transmita vía streaming e farase en modo proba. Para acceder á canle directo da web municipal haberá que premer nun banner que estará colocado na cabeceira da páxina de inicio da web municipal.