- Tipo
- Tematica
O Concello de Ames retoma a Mostra de Teatro Afeccionado, actividade que levaba sen celebrarse desde a súa última edición no 2019. O ciclo teatral, organizado polo Concello e a Escola Municipal de Teatro de Ames, acollerá as actuacións de diferentes grupos de teatro non profesionais dos municipios de Ames, Teo, Brión, Outes e Ribeira ao longo de cinco xornadas nas que se poñerá en valor a cultura e a lingua galega. A cuarta sesión teatral será a cargo do Grupo Municipal de Teatro de Ribeira, que representará a obra O Rei Telesforo busca noiva (e quere noivo), no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, ás 20.00 horas.
O grupo municipal de teatro de Ribeira pon en escena este novo espectáculo de humor en verso no que participa un reparto composto por un grupo de actrices e actores baixo a dirección de Óscar Romero. Unha comedia con moitos enredos e bastante retranca, coa intención de conseguir que o público esqueza os seus problemas diarios e goce do teatro, do humor e da sátira para rematar esmendrellándose coa risa. Os numerosos personaxes, tanto no escenario como no patio de butacas, van facendo escenas pícaras e irónicas chegando nalgúns momentos a interactuar co público asistente; damas da Corte, o bufón que está canón, a raíña trepas, as princesas que aspiran chegar ao trono, un marqués pelotas e un capitán algo especial forman este enredo xunto co Rei, un monarca pouco habitual que, con bo humor e dende o respecto, fará as delicias do respectable na súa busca incansable de atopar unha raíña para asegurar o seu liñaxe... pero iso non é o que el quere no fondo, senón que é unha imposición da sociedade. Por que non o deixan ser feliz? Ambientada no medievo goza dun vestiario espectacular, dunha escenografía que combina elementos tradicionais e novas técnicas de luz e son para unha posta en escena final que non deixará a ninguén indiferente.
As entradas poden adquirirse xeito gratuíto na Billeteira electrónica. No caso de haber billetes dispoñibles, tamén se poden coller o propio día do espectáculo na Casa da Cultura do Milladoiro.