- Tipo
- Tematica
A Concellaría de Benestar Social, en colaboración con Feitoría Verde S. Coop. Galega, pon en marcha o novo obradoiro “Recolledoras de saberes: camiñando cara a unha alimentación sustentable”. Será impartido por persoal de Feitoría Verde S. Coop. Galega os días 25 de febreiro e 4 de marzo, de 16.30 a 18.30 horas, no local social do centro cultural Maía. Trátase dunha actividade que é de balde para todas as persoas que estean interesadas en participar. As prazas son limitadas e a inscrición farase por orde de inscrición. Para inscribirse hai que premer nesta ligazón ou escanear un código QR que se pode atopar no cartel do obradoiro.
Ás que agora se lles chama “malas herbas” e se combaten con produtos químicos nada desexables foron durante case toda a existencia da humanidade, parte fundamental do noso modo de vida, da nosa arte, saúde e alimentación. “Recolledoras de saberes: camiñando cara a unha alimentación sustentable” é un espazo que nace para situar estas grandes esquecidas como recurso artístico, medicinal e nutritivo sustentable, a través do cal traballar a saúde cunha visión integral e o coidado do medio ambiente e a súa diversidade; unha achega diferente para combater a problemática ambiental e social de hoxe en día.
As persoas participantes serán protagonistas implicándose de forma activa, crítica e reflexiva das seguintes sesións, que se desenvolverán dende as 16:30h ata as 18:30 horas:
25 de febreiro: presentación e achegamento á temática do proxecto a través da creación colectiva dun mapa conceptual que, dende a conversa e as nosas vivencias, interrelación e saúde, a alimentación e hábitos de vida, o medio ambiente e o patrimonio. Finalizarase co desenvolvemento dunha xincana, onde descubriremos usos medicinais de herbas silvestres.
4 de marzo: aprenderemos a identificar plantas adventicias nun paseo pola contorna de Bugallido. Ademais, recolleremos algunhas para investigalas en profundidade nun obradoiro sensorial, no que aprenderemos novas formas de percibir e relacionarnos co medio que nos rodea, e no que teremos a oportunidade de petiscar pratos elaborados con ditas plantas.