- Tipo
- Tematica
Nun acto no que participarán as persoas premiadas, presentarase esta tarde o libro que recolle os 18 traballos gañadores no Certame Literario Concello de Ames do ano 2020. A presentación terá lugar ás 19:00 horas no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Os autores e autoras lerán fragmentos dos seus traballos. A concelleira de Normalización Lingüística recibirá ás persoas galardoadas.
O xurado, composto polo profesor, tradutor e crítico Xosé Antón López Silva, o escritor e profesor Paulo Calvo e a xornalista e escritora Nazaret López, valorou 65 traballos e, coma sempre, foi complicado escoller os 18 que cada ano suman nome e obra á historia do certame, dado que a calidade dos traballos non baixou en absoluto.
O acto de presentación deste ano será similar ao de outras edicións, malia que as normas sanitarias de loita contra a pandemia limitan a capacidade do primeiro andar do Pazo da Peregrina, practicamente ocupado polas familias e amizades dos premiados e premiadas. O toque de queda e o feito de que algunhas das persoas asistentes veñen de concellos afastados de Ames e teñen que volver á casa antes das 23.00 horas vai limitar tamén o tempo de lectura de cada un dos autores e autoras.
Nesta edición de 2020 presentáronse 65 traballos. Na modalidade de poesía recibíronse 37 traballos e en narrativa chegaron 28 propostas.