Solapas principales

> Recepción dos Reis Magos

De Martes, 4 Enero, 2022 hasta Miércoles, 5 Enero, 2022
11:30 - 14:00 | 16:30 - 20:00

As Súas Maxestades Melchor, Gaspar e Baltasar anunciaron ao Concello de Ames que visitarán as vilas do Milladoiro e Bertamiráns o martes 4 e o mércores 5 de xaneiro. Co fin de que poidan recibir a todas as nenas, nenos e maiores que se queiran achegar a velos respectando as medidas sanitarias, o Concello habilitará os pavillóns polideportivos de ambos núcleos. Para acceder, cada unidade familiar debe solicitar cita previa a través da sede electrónica do Concello, premendo nesta ligazón. A rapazada que non poida asistir ás Recepcións Reais por mor dun confinamento por coronavirus poderá solicitar que os Reis lles envíen un pequeno agasallo aos seus domicilios, deixando os seus datos persoais no enderezo electrónico promocioneconomica@concellodeames.gal.

Os horarios das Recepcións Reais nos pavillóns do Milladoiro e Bertamiráns serán, polas mañás, de 11:30 a 14:00 horas, e polas tardes, de 16:30 a 20:00 horas, o martes 4 e o mércores 5 de xaneiro. O Concello pide a colaboración da veciñanza á hora de cumprir cos tempos de visita e coas medidas de seguridade, en especial a distancia interpersoal.

Cada cita que se solicite a través do trámite indicado na sede electrónica servirá para unha unidade familiar completa, que poderá asistir en conxunto á recepción dos Reis, respectando desta maneira ás burbullas familiares e facilitando o respecto da distancia de seguridade entre grupos de convivencia. Como na edición anterior, tamén marcada pola situación epidemiolóxica, as rapazas e rapaces poderán fotografarse coas Súas Maxestades, falarlles ou mesmo entregarlles cartas e debuxos, mais sempre respectando esta distancia interpersoal de metro e medio.

Para poder acudir á Recepción Real hai que entrar na sede electrónica e premer en Solicitar cita previa. De seguido, cada familia debe seleccionar unha das dúas opcións ofertadas, “Reis Magos Bertamiráns” ou “Reis Magos O Milladoiro”. A continuación, deben marcar no calendario da dereita o día desexado, ben o martes 4 ou o mércores 5, para despois premer “Ver dispoñibilidade”. Aparecerán catro opcións, que deberán despregarse para consultar ocos libres nos diferentes horarios ofertados. Por último, hai que seleccionar o horario desexado e premer en "Reservar seleccionadas".