Solapas principales

> Rodeiro Branco no Milladoiro

Viernes, 17 junio, 2022
Ás 22:00 horas

Con motivo do día da Seguridade Viaria, que se conmemorou o 10 de xuño, a Concellaría de Mobilidade organizou o programa de Rodeiros Brancos, para realizar dous percorridos pola rúa nos que os/as participantes van vestidos/as de branco e cunha luz-linterna branca na cabeza, utilizando un método de mobilidade sostible. A través desta actividade reivindícase a utilización de medios de mobilidade sostible. Para participar hai que inscribirse previamente enviando un correo electrónico ao enderezo mobilidade@concellodeames.gal. Os/as nenos/as deberán estar acompañados/as dunha persoa adulta.

Por segundo ano consecutivo o Concello de Ames, a través da Concellaría de Mobilidade, celebrou o 10 de xuño o día da Seguridade Viaria. Nesta ocasión estase desenvolvendo a iniciativa Rodeiros Brancos, que consiste en facer un percorrido no que os/as participantes van vestidos/as de branco e cunha luz-linterna branca na cabeza, utilizando un método de mobilidade sostible. É importante salientar que aínda que as persoas participantes leven unha luz-linterna branca na cabeza, tamén deben levar casco xa que é obrigatorio.

A primeira actividade do programa realizouse o pasado venres, 10 de xuño, ás 22.00 horas, pola contorna de Bertamiráns. Consistiu nunha saída nocturna en bicicleta de 8 quilómetros. Estímase que arredor de 80 persoas participaron nesta actividade.

No Milladoiro, o 17 de xuño, ás 22.00 horas, farase un rodeiro curto de 1.730 metros. Este é un percorrido máis curto, pensado fundamentalmente para que participen nenas e nenos. As persoas participantes poderán acudir con algún medio de mobilidade sostible (bicicletas, monopatíns, patinetes ou patíns). Se o neno ou nena precisa acompañante poderá acompañalo andando sempre que vaia de branco e coa luz na cabeza.

A saída farase dende o aparcadoiro de Agriños e circularase polas rúas Palmeiras, Travesía do Porto, Cereixos, Agro da Madanela, Estivada de Castelao, Camelias, Cereixos, Agro da Madalena, Estivada de Castelao, Travesía da Madalena, rúa da Madalena, Travesía do Porto e remátase no aparcadoiro da Casa da Cultura do Milladoiro.

Para participar na actividade do Milladoiro hai que inscribirse previamente enviando un correo electrónico ao enderezo mobilidade@concellodeames.gal. Os/as nenos/as deberán estar acompañados/as dunha persoa adulta.