Solapas principales

> Seminario de defensa persoal feminina

Sábado, 26 febrero, 2022
de 10:00 a 14:00 horas

A Deputación da Coruña organiza oito edicións ao longo da provincia dunha actividade na que as mulleres dos 14 aos 70 anos poderán aprender técnicas e estratexias para defenderse ante posibles agresións. Ames acollerá este curso intensivo de catro horas o sábado 26 de febreiro, entre as 10:00 e as 14:00 horas, no pavillón polideportivo municipal do Milladoiro. Para inscribirse de balde, cómpre entregar esta solicitude cuberta nos rexistros municipais ata o 30 de xaneiro.

As mulleres que asistan á actividade participarán nun curso intensivo impartido durante toda unha mañá, no que se crearán varios grupos de traballo para facilitar a aprendizaxe e a práctica. En primeiro lugar, realizaranse exercicios de quecemento e ensinarase como situarse, afianzarse, saber caer e erguerse, manexarse no chan, moverse e desprazarse e manter a distancia.

Unha vez coñecidas estas e outras técnicas de autodefensa, pasarase á parte estratéxica, na que se establecerá un protocolo de actuación que impida bloqueos e facilite a reacción de resposta. Así, daranse indicacións e consellos sobre como distraer, sorprender, enganar, rexeitar, reaccionar e pedir axuda.

Para realizar a actividade, dirixida a mulleres entre os 14 e os 70 anos empadroadas en calquera concello da Coruña, recoméndase asistir con pantalón deportivo e camiseta, roupa cómoda e se fora posible, evitando cremalleiras. Durante todo o curso será obrigatoria a máscara.