- Tipo
- Tematica
As representacións para público infantil da programación de artes escénicas amesá do primeiro semestre de ano continúan con “Aibō”, a ópera prima da compañía Eléctrica. “Aibō” (compañeira ou compañeiro en xaponés) é a palabra empregada para definir esta fábula, inspirada na Carapuchiña Vermella, que trata de dar unha visión en positivo sobre a nosa relación coa natureza. Orientada á cativada dos 3 aos 6 anos e ao público familiar, a obra representarase o xoves 24 de marzo, ás 18:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. As entradas xa están dispoñibles na Billeteira electrónica do Concello de Ames.
Aibō, ópera prima da compañía Eléctrica, é unha peza teatral para público infantil e familiar con Iria Pinheiro e Areta Bolado (compañía A Panadaría) en escena. Aibō (compañeira ou compañeiro en xaponés) é a palabra que mellor se axusta para definir unha fábula inspirada na Carapuchiña Vermella.
Trátase dunha visión diferente do conto popular que pretende dar unha ollada positiva sobre a nosa relación coa natureza e tamén sobre o trato que temos con outros seres diferentes a nós. Unha celebración da diversidade.