- Tipo
- Tematica
"Apaga o candil", un espectáculo coproducido polo festival FIOT e por Contraproducións, chega ao auditorio do Milladoiro o 20 de outubro, ás 20:30 horas. Nesta obra, o dramaturgo Cándido Pazó achega ao público unha figura clave da tradición popular: Carlos “O Xestal”, un contador, músico e activista. A representación está financiada pola Deputación da Coruña.
O tempo da ficción dramática sitúase no intre no que “O Xestal” se atopaba entre a vida e a morte, antes de falecer aos 59 anos. A peza toma como punto de inspiración estrutural e argumental os clásicos contos da visita da morte, unha tipoloxía de historias tradicionais universais que responden a un esquema máis ou menos semellante: un personaxe topa coa morte que lle vén anunciar que o seu final é inminente; o personaxe fai todo o que pode por enganar a morte e librarse do seu lúgubre designio, afán que acaba por resultar fatidicamente inútil. Na tradición galega este tipo de contos tenden a estar revestidos por unha pátina de humor e retranca que relativizan o seu carácter.
Xa no plano persoal, o espectáculo tocara a cuestión da autoestima, da necesidade de recoñecemento e notoriedade, así como da relativización do compromiso cívico. Tamén os conflitos derivados da insatisfacción creativa e vital, ou da aceptación, por un mesmo e polos demais, da propia identidade nos seus aspectos máis íntimos. No plano colectivo especularase sobre a dificultade histórica (asumida, fomentada ou herdada) das clases populares galegas para prestixiaren as súas manifestacións características e, como consecuencia, prestixiárense nelas; e sobre o perigo de se instalaren nunha ollada choqueira ou esterilmente folclorizada dos elementos que definen a tradición, entre eles as artes e, nomeadamente, a lingua.