- Tipo
- Tematica
O Centro Cultural A Mahía e a Asociación de Veciños de San Pedro de Bugallido organizan para o domingo, 4 de xuño, a representación da obra teatral “Moito ruído e poucas noces”. Será ás 19:00 horas, no centro social de Bugallido. O acceso será libre e gratuíto. A obra está patrocinada por polo departamento de Cultura do Concello de Ames, no marco de apoio á creación artística e á difusión de obras de grupos amateurs.
A obra, unha peza de comedia representada pola compañía Carauta Teatro, é unha adaptación de Xurxo Barcala do texto orixinal de William Shakespeare. Nela relátase como, tras anos de dura competencia no mercado, as corporacións de Solorzabal International e Navia Operaciones comezan un proceso de fusión empresarial. Durante o proceso de negociación, Claudia e Hipólito, fillos dos máximos accionistas, inician unha relación que rematará en voda. Unha vez na celebración do casamento, un evento de máximo nivel, comezarán a aparecer pequenos problemas do pasado que poñerán en perigo a realización do mesmo.
“Moito ruído e poucas noces” recolle a peza de William Shakespeare para facer un retrato ácido e divertido dunha parte da nosa sociedade, dende o humor e o desenfado. Durará aproximadamente 60 minutos. A entrada é gratuíta, e non é necesario reservar praza.