- Tipo
- Tematica
Para pechar o mes de xaneiro da programación de artes escénicas de Ames da primeira metade de 2022, o venres 28 de xaneiro, ás 20:30 horas, a compañía Redrum Teatro leva á Casa da Cultura de Bertamiráns “O mozo da última fila”. Trátase dunha comedia que se centra en Claudio, un estudante de dezasete anos que non soporta as clases, e en Xermán, o seu profesor de Lingua e Literatura, co que empeza a compartir relatos a raíz dunha redacción sobre unha fin de semana. As entradas poden adquirirse xa a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames.
Claudio é un estudante de dezasete anos que senta na última fila. Non fala, non participa, non é problemático, non destaca, salvo en matemáticas.
Cada clase fáiselle máis insoportable ata que Xermán, o profesor de Lingua e Literatura, manda escribir unha redacción sobre a fin de semana. A partir deste intre, Claudio empeza a transformarse en alguén que observa, imaxina e escribe a vida doutros nun relato por entregas para un só lector.
Ese relato compartido polo discípulo e o mestre convértese nun xogo cada vez máis perigoso para eles e para quen os rodea. Un xogo que se disputa en dous taboleiros: o da vida e o da literatura.