- Tipo
- Tematica
“A parábola do angazo” será a segunda representación para adultos de febreiro do programa cultural de Ames do primeiro semestre de 2022, o venres 11 ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. A compañía Talía Teatro conta, a través da comedia, a historia dun mozo dunha aldea galega que esquece a súa lingua ao emigrar uns meses a Castela. Partindo dunha lenda xa recollida polo Padre Sarmiento no século XVII, a obra busca mostrar a capacidade de resistencia do galego. As entradas poderán adquirirse a partir do mércores 5 de xaneiro, a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames.
Un mozo dunha aldea galega emigrou a Castela e aos poucos meses regresou á súa terra. Nese breve tempo ocorreu algo asombroso: o rapaz esqueceu a fala dos seus, a lingua que falara toda a vida.
Partindo desta coñecida lenda que xa recollía o Padre Sarmiento no século XVII, os dous intérpretes, a través dun diálogo fluído e cargado de humor, farán unha viaxe polas anécdotas máis significativas da historia da lingua, enlazando episodios do pasado para explicar o que sucede no presente e demostrando que a lingua resistiu e resiste toda situación adversa.