- Tipo
- Tematica
A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle a representación de "Rosalía", unha aproximación á vida e a obra da maior figura da literatura galega, que busca contarlle á cativada que a infancia é o lugar onde medran os poetas e as poetisas. A obra teatral terá lugar o xoves 17 de febreiro, ás 18:00 horas, dentro da programación do mes de Rosalía. Os convites, de balde, poden retirarse xa na Billeteira electrónica do Concello de Ames. Colaboran a Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia e o Servizo de Normalización Lingüística de Ames.
María Rosalía Rita tamén foi nena. As biografías non o contan, pero unha das grandes voces literarias da historia tamén foi nena e foi nena que cantaba e xogaba, que lía e comía chocolate. Esta Rosalía que aínda non precisaba apelidarse de Castro e que está a piques de marchar a Santiago é a protagonista desta obra de teatro que quere contarlles ás nenas e aos nenos que a infancia é o lugar onde medran as poetas: entre a rebeldía, as lecturas, a curiosidade, o xogo e as cancións con rimas e sen autor.