- Tipo
- Tematica
A compañía Ibuprofeno Teatro protagoniza unha nova proposta de artes escénicas en Ames neste outono, coa obra “Smoke on the water”. O espectáculo, que combina teatro con música en directo, conta unha historia de amor tinguida de sexo, drogas, e o rock and roll dos anos 70. Será o próximo venres 14 de outubro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. As entradas poden adquirirse xa a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames.
“Smoke on the water” achéganos á vida de Ritchie, dono dunha tenda de discos e vinilos de colección ancorado nos anos 70, e de Janis, que hai anos que non canta e que estuda Filosofía na universidade. A parella mantense nunha crise matrimonial permanente que dura xa case 25 anos, e que parece imposible de mudar.
A relación tóxica entre ambos vese alterada pola aparición de Álex, un gigoló novo e transgresor, que namora perdidamente de Janis. A intervención de Joan, unha empregada de banca que xestiona a hipoteca de Ritchie e clienta de Álex, propicia o final desta traxicomedia.
A obra chega a Ames como parte da colaboración entre a Concellaría de Cultura e a Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC). Dirixida por Santiago Cortegoso, conta cun elenco formado por Josito Porto, como Ritchie; Belén Constenla, como Janis; Adrián Ríos, que fai de Álex; María Costas, como Joan, e Mon Orencio, como músico en escena.