Solapas principales

>Viaxando con Rosalía

Sábado, 22 febrero, 2025
De 9.30 a 14.30

O Concello de Ames súmase un ano máis á conmemoración do aniversario de Rosalía de Castro, unha das escritoras máis universais de Galicia e que, ademais, foi veciña da aldea da Tarroeira, na parroquia de Ortoño, durante unha parte da súa infancia. A programación deste ano, como vén sendo habitual, busca a participación da veciñanza, ofertando unha ampla variedade de actividades para todas as idades, mais poñendo o foco na poboación máis nova. Deste xeito, a programación deste ano pretende estimular e dinamizar o uso do galego entre a mocidade amesá, poñendo en valor e achegándolles referentes en canto ao uso da nosa lingua.

O sábado 22 de febreiro volverá a realizarse unha actividade xa habitual dentro da programación polo Día de Rosalía, “Viaxando con Rosalía”. Unha excursión literaria á Casa de Rosalía en Padrón, con paradas en Ortoño e Bastavales, que achegará as persoas asistentes á vida da escritora, sobre todo á súa especial relación co Concello de Ames. A viaxe estará guiada pola especialista rosaliana, María López Sández. Para participar, é preciso inscribirse enviando un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número 662 377 215, entre o 14 e o 20 de febreiro.

A primeira das paradas desta visita será en territorio amesán, na casa situada na Tarroeira, na parroquia de Ortoño, pertencente, no seu momento, á familia paterna de Rosalía. A saída continuará en Bastavales, no Concello de Brión, onde se atopa a igrexa cuxas campás protagonizaron un dos versos máis soados da autora. Para finalizar, a excursión rematará no concello de Padrón, onde se realizará unha visita guiada á Casa-Museo de Rosalía de Castro, coñecida como a Casa da Matanza.

A excursión sairá da Casa da Cultura do Milladoiro ás 9:30 horas e fará unha parada no Pazo da Peregrina ás 9:45 horas para recoller as persoas que se sumen en Bertamiráns. A volta está programada para as 14:30 horas. Os e as participantes só terán que aboar os 2 euros correspondentes á tarifa de entrada á casa museo.