O Concello de Ames retoma a Mostra de Teatro Afeccionado, actividade que levaba sen celebrarse desde a súa última edición no 2019. O ciclo teatral, organizado polo Concello e a Escola Municipal de Teatro de Ames, acollerá as actuacións de diferentes grupos de teatro non profesionais dos municipios de Ames, Teo, Brión, Outes e Ribeira ao longo de cinco xornadas nas que se poñerá en valor a cultura e a lingua galega. A última sesión teatral deste ciclo de obras estará a cargo do Grupo Municipal de Teatro de Ames, que representará a obra A Visita.
O Grupo Municipal de Teatro de Ames, organizadores tamén desta actividade, representa A Visita de Friedrich Dürrenmatt baixo a dirección de Diego Rey.
A vila de Güllen leva anos asolada pola miseria e a pobreza. Coas fábricas e a industria pechadas, aos güllenses só lles queda vivir do recordo de épocas mellores. De todas formas, todo isto podería cambiar: a volta ao fogar dunha antiga veciña, a millonaria Clara Zachanassian, enche de esperanza os corazóns de toda a poboación. Clara marchou da vila cando era nova, e fixo unha fortuna no estranxeiro, converténdose nunha das persoas máis ricas do mundo. O destino de Güllen depende da súa visita.