- Tematica
O departamento de Mocidade organiza na Casa da Cultura do Milladoiro unha xornada sobre emprendemento e emprego xuvenil o mércores 16 de outubro, de 16:30 a 19:30 horas. A esta xornada poden acudir tanto mozos e mozas interesados/as nesta cuestión como público xeral. Para inscribirse é necesario enviar un correo electrónico ao enderezo xuventude@concellodeames.gal.
O obxectivo desta xornada é, ademais da inserción laboral dos máis novos, alentar o seu espírito emprendedor. Para iso, durante a sesión falarase de emprego público e autoemprego, e revisaranse cuestións como os currículums e as cartas de presentación. Ademais, explicaráselles aos asistentes que é unha idea empresarial e como poñela en marcha. A dinámica da xornada consistirá en facerlle preguntas aos asistentes para, entre outras cousas, detectar necesidades de formación.
Esta xornada enmárcase no programa Lidera2, un proxecto formativo que inclúe a realización de diferentes iniciativas, principalmente de carácter non formal, co obxectivo de facilitar á mocidade do concello os recursos e ferramentas necesarios para favorecer o emprendemento, promover a creatividade e impulsar as súas perspectivas de futuro tanto a nivel formativo como profesional.