Solapas principales

A IV edición do concurso de cartas aos Reis Magos xa ten gañadores

Miércoles, 05 de enero de 2011

[05-01-2011] O xurado desta IV edición do concurso de cartas aos Reis Magos, formado por tres persoas escollidas pola Casa Real de Oriente e polo Concello de Ames, xa lles puxo nome aos gañadores deste ano. Sara Casusa Mosquera e Lorena Seoane García fixéronse co galardón na categoría de educación infantil, María Celia Corral Noguera e Esteban Lugo Padín na de 1º ciclo de primaria e Nerea Quintáns Iglesias e Alba Caseco Prieto na de 2º ciclo de primaria. Estes seis rapaces e rapazas foron os escollidos polos Reis Magos que este ano contaron coa axuda inestimable do Apalpador para ler e contestar todas as cartas participantes no concurso. Os premios aos gañadores e gañadoras entregaranse na cabalgata deste mércores día 5, na que, ademais dos Reis Magos, participará tamén o Apalpador.

Como todos os anos, os Reis Magos fixeron un chamamento aos nenos e nenas do concello para que lles enviasen as súas cartas de Nadal escritas en galego. Unhas cartas nas que ademais de pedir un desexo persoal, nesta ocasión deberían incluír tamén un desexo para a nosa lingua, pois, segundo a información que manexan na casa real, os desexos cúmprense cando un grande número de persoas os pide ao mesmo tempo. Os preto de 150 participantes cumpriron co demandado polas Súas Maxestades e deixaron escrito un desexo para o galego. Entre o máis solicitado para o noso idioma polos rapaces e rapazas amesáns está que se inventen xa consolas e xogos interactivos en galego, que aumente o número de xoguetes que falen o noso idioma, que os gobernantes e gobernantas protexan a lingua, que haxa máis programación infantil en galego tanto nas televisións coma nos cines e que os nenos e nenas falen máis galego.

Os rapaces e rapazas que enviaron a súa carta recibiron ou recibirán proximamente unha misiva de resposta das Súas Maxestades cun pequeno agasallo. E entre todos os participantes, un xurado de tres persoas escollido pola Casa Real de Oriente e o Concello de Ames premiou as seis mellores cartas, tendo en conta tanto o contido como a decoración. Na primeira categoría do concurso, a categoría infantil, a gañadora de Bertamiráns foi Sara Casusa Mosquera, mentres que no Milladoiro obtivo o premio Lorena Seoane García. Na segunda categoría, correspondente ao 1º ciclo de primaria, os gañadores foron María Celia Corral Noguera e Esteban Lugo Padín, de Bertamiráns e O Milladoiro respectivamente. Finalmente, na terceira categoría, 2º ciclo de primaria, as premiadas foron Nerea Quintáns Iglesias, por Bertamiráns, e Alba Caseco Prieto do Milladoiro. Todos eles recibirán o seu agasallo este mércores 5 de xaneiro da man dalgún dos Reis Magos.

O Apalpador visitará mañá Ames na compaña dos reis

No desenvolvemento do concurso, os Reis Magos contaron coa inestimable axuda do Apalpador, unha personaxe mítica galega que visitará tamén as casas dos nenos e nenas do concello para repartir ilusións nesta noite máxica que se aproxima. Ademais, durante a cabalgata deste ano, non só estarán as Súas Maxestades de Oriente, senón que os nenos e nenas terán oportunidade de coñecer e de ver de preto esta figura tan propia da nosa cultura como é o Apalpador.

Picando nas ligazóns que hai ao pé deste nova poderás ver as cartas dos gañadores deste concurso.