[29-01-2011] O alcalde de Ames, Carlos Fernández, reuniuse esta semana cos deputados provinciais Bernardino Rama e José Luís García, e co enxeñeiro da Deputación da Coruña, Vicente Berrocal Bertol, para asinar a acta de replanteo da obra de ampliación da ponte da Condomiña. Primeiro estiveron na Casa da Concello e despois desprazáronse ata a contorna da ponte da Condomiña para ver o lugar onde se van executar a devanditas obras. Deste xeito realízase o último trámite administrativo necesario para que poidan comezar as obras de construción dun novo paso peonil nesta ponte. Este proxecto está incluído no Plan de travesías provinciais 2008-2011 da Deputación Provincial da Coruña, que pretende mellorar as infraestruturas da provincia e contribuír a unha mellora da seguridade viaria. Este proxecto, que ten un custe de 135.435 euros, será executado pola empresa Construcciones Leonardo Miguélez SL.
Os veciños e veciñas de Ames poderán pasar andando por encima da ponte da Condomiña sen preocuparse do transito rodado. O goberno municipal chegou a un acordo coa Deputación da Coruña para mellorar a seguridade viaria na estrada provincial 0205, que vai dende Bertamiráns ata A Ramallosa, ao seu paso pola ponte da Condomiña. A situación desta estrada non reúne os requisitos de seguridade necesarios para os peóns. As actuacións previstas no proxecto consisten na construción dunha beirarrúa máis ampla que permitirá dotar á zona de mellores condicións de seguridade viaria. Ademais, melloraranse o pavimento da estrada ao seu paso pola ponte.
Para iso o alcalde de Ames, Carlos Fernández, tivo unha xuntanza esta semana con dous deputados provinciais, Bernardino Rama e José Luís García, e co enxeñeiro da Deputación da Coruña, Vicente Berrocal Bertol, para asinar a acta de replanteo da obra de ampliación da ponte da Condomiña. Neste reunión tamén estiveron o enxeñeiro que redactou o proxecto, Antonio González Serrano, e o administrador da empresa Construcciones Leonardo Miguélez SL, que se encargará de levar a cabo esta obra nos vindeiros meses.
Primeiro estiveron na Casa do Concello onde asinaron a acta de replanteo da obra. A continuación desprazáronse ata as inmediacións da devandita ponte para ver in situ o lugar onde se executarán as obras. O treito no que se actuará será o comprendido entre os puntos quilométricos 0.400 e 0.550. Esta obra suporá unha mellora considerable na seguridade viaria desta estrada posto que os peóns disporán dunha beirarrúa moito máis ampla para poder pasar pola ponte.
O alcalde de Ames, Carlos Fernández, valorou de xeito moi positivo a execución desta obra "xa que se trata dun punto crítico para a circulación peonil". Ademais aproveitou esta xuntanza para pedirlle á Deputación da Coruña unha ampliación desa pasarela para que conecte coa rotonda que existe no lugar da Condomiña, onde tamén se habilitará un paso de peóns para que a veciñanza deste lugar poida cruzar a estrada 0205 sen ningún tipo de perigo.
Cómpre lembrar que a corporación municipal reuniuse o pasado 10 de novembro de 2009 en Pleno de carácter extraordinario, para tratar o proxecto de ampliación da ponte da Condomiña. Esta obra foi aprobada por unanimidade pola corporación amiense e será sufragada a través do Plan de travesías provinciais 2008-2011 posto en marcha pola Deputación Provincial da Coruña, para mellorar as infraestruturas da provincia e contribuír a unha mellora da seguridade viaria. Anteriormente esta obra xa fora aprobada no pleno de setembro de 2009 celebrado na Deputación Provincial da Coruña.
Posteriormente, no pasado mes de abril de 2010, a Deputación Provincial da Coruña aprobou en Xunta de Goberno a contratación das obras incluídas no proxecto de ampliación da ponte da Condomiña. Trátase de ampliar a Ponte da Condomiña, na estrada que vai de Bertamiráns á Ramallosa, mediante a construción dunha beirarrúa en voladizo na marxe esquerda, tendo en conta a dirección Bertamiráns - A Ramallosa. O citado paso peonil terá unha anchura de 1.80 metros, dos cales un metro vai sobre a estrutura actual da ponte.
Estrutura metálica con pavimento de madeira
Esta ampliación levarase a cabo mediante unha dobre estrutura composta por un conxunto de perfís metálicos perpendiculares ao taboleiro, traballando en voladizo, e outros dispostos perpendicularmente aos primeiros, sobre os que se asenta o pavimento formado por madeira. Pola cara exterior rematarase coa colocación dun tipo de varanda como a que xa existe neste lugar. Pola cara interior executarase un pequeno muro que terá unha altura de 50 centímetros, que ademais de ter unha función estrutural, protexerá aos viandantes do tráfico rodado.
Un dos requisitos necesarios para poder executar esta obra é que o terreo que se empregue para levar a cabo este proxecto debe ser de dominio público. Isto non é un impedimento porque segundo manifestan os informes técnicos o terreo necesario para levar a cabo mencionada ampliación é de dominio público polo que non haberá que expropiar ningunha parcela para poder executar a obra.
A Deputación Provincial da Coruña foi a encargada de redactar o proxecto técnico. Antes da redacción do proxecto varios técnicos da Deputación da Coruña achegáronse ata Ames para comprobar o estado no que se atopa esta estrada ao seu paso pola ponte da Codomiña. Así puideron ver de primeira man a necesidade de construír un paso máis amplo para os peóns.
O custe das obras aproxímase aos 135.435 euros. Debido as características deste proxecto estímase que os traballos de ampliación da ponte da Condomiña poderían executarse nun período de cinco meses. A súa execución suporá unha mellora substancial do tráfico rodado na intersección de catro estradas, e contribuirá a incrementar os niveis de seguridade viaria.
A nova noutros medios dixitais:
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "El puente de A Condomiña tendrá nuevo firme en breve"
La Voz de Galicia: "El puente de A Condomiña tendrá nuevo firme en breve"
La Voz de Galicia: "El puente de A Condomiña tendrá nuevo firme en breve"
La Voz de Galicia: "El puente de A Condomiña tendrá nuevo firme en breve"
El Correo Gallego: "Inyección de 135.000 € para la seguridad vial en el puente de A Condomiña"
El Correo Gallego: "Inyección de 135.000 € para la seguridad vial en el puente de A Condomiña"
El Correo Gallego: "Inyección de 135.000 € para la seguridad vial en el puente de A Condomiña"
El Correo Gallego: "Inyección de 135.000 € para la seguridad vial en el puente de A Condomiña"