[03-03-2011] O Concello de Ames dispón de dúas fincas onde desenvolve o Programa de Valorización do Monte e Prevención de Incendios Forestais. As parcelas foron cedidas ao Concello por parte de dúas veciñas do lugar de Carballo, Socorro García e Fina Casas, e son xestionadas pola Aula da Natureza. Estas fincas serven para que os rapaces e rapazas dos centros escolares de Ames poidan realizar diferentes actividades educativas e medio ambientais. O ano pasado un total de 160 nenos e nenas de Ames participaron nas actividades deste programa co fin de seguir traballando no mantemento do monte escolar. Para que a veciñanza amiense poida identificar esta parcela, onte pola mañá, os operarios da brigada de garda medio ambiental estiveron colocando un cartel nestas parcelas de Trasmonte. Ames é o único concello de Galicia que desenvolve un proxecto deste tipo. Ata ese lugar achegouse a concelleira de Medio Ambiente, Úrsula Seijas, que estivo falando coas propietarias das fincas.
"Monte escolar do Concello de Ames", iso é o que se pode ler no cartel que acaban de colocar os operarios da brigada de garda medio ambiental. Para identificar as parcelas onde se desenvolve o Programa de Valorización do Monte e Prevención de Incendios Forestais o Concello de Ames acaba de instalar un panel informativo nas parcelas de Trasmonte onde se desenvolven actividades medio ambientais e que están dedicadas ao monte-escola.
O Concello de Ames dispón de dúas parcelas en Trasmonte, cedidas por dúas veciñas amienses, onde o alumnado dos centros de ensino poden levar a cabo actividades de carácter ambiental como a recuperación do patrimonio forestal do concello, analizar os efectos dos incendios forestais no medio, diferenciar entre as distintas especies forestais, etc.
Os traballos nestas parcelas comezaron a finais de 2006 despois da vaga de lumes que asolou todo Galicia. Posteriormente, en abril de 2008, asinouse un convenio coas dúas propietarias das fincas co obxectivo de formalizar esta colaboración beneficiosa para ambas partes. Así, o Concello dispón de fincas onde desenvolver o Programa de Valorización do Monte e Prevención de Incendios Forestais, e as propietarias gozan de terreos recuperados despois dos incendios do ano 2006.
A concelleira de Medio Ambiente, Úrsula Seijas, destacou que "coa colocación do cartel será máis doado atopar a finca, tanto para os que van por primeira vez como para aqueles que aínda non saben que somos dos poucos concellos que contan cun monte escolar".
Estas dúas fincas arderan por completo no 2006 e despois da tala os nenos e nenas de diferentes colexios de Ames traballaron nela recoñecendo os efectos do lume na terra, limpando a finca e realizando plantacións forestais. As actividades de reforestación permiten que os nenos e nenas manteñan un contacto directo co monte e os espazos naturais ao tempo que contribúen á súa conservación. Este é o principal obxectivo do Programa de Valorización do Monte e Prevención de Incendios Forestais.
Os máis de 1.000 nenos e nenas dos centros escolares de Ames que visitaron esta finca son testemuñas do cambio que se foi producindo ano a ano. Deste xeito na súa retina vai desaparecendo a cor negra do primeiro ano polo verde das árbores plantadas, baixo as cales a todos os rapaces e rapazas lles gusta comer o seu bocadillo cando visitan o monte-escola.
Traballos medio ambientais
Durante os dous últimos anos fíxose un seguimento das árbores plantadas, a reposición daquelas que non saíron adiante e controlouse o crecemento anual das árbores en altura e grosor. Ademais vixiáronse os rebrotes de especies favorecidas polos lumes como os eucaliptos, as acacias e os piñeiros. Tamén se prestou atención aos aproveitamentos complementarios da terra, como o crecemento de cogomelos.
En 2008 os alumnos e alumnas do colexio de Ventín comprobaron o estado das plantacións de castiñeiros, carballos, freixos e cerdeiras realizadas o ano pasado e repoñendo as árbores que non prenderon. Uns 250 alumnos e alumnos do colexio Agro do Muíño, pola súa banda, estiveron plantando frondosas, realizando todas as fases da plantación, dende a apertura dos regos e a aplicación do abono ata a colocación da planta no oco e o posterior tapado. Un traballo semellante desenvolveron na mesma parcela uns 150 cativos do colexio de Barouta. Neste caso, as plantas eran resultado da recollida de sementes realizada o ano anterior polos estudantes, sementes que foran plantadas e coidadas ata ese mesmo día. Os alumnos e alumnas do CEIP A Maía tamén participaron nestas actividades de repoboación e coidado das novas árbores.
No 2009 os alumnos aprenderon a diferenciar as herbas aromáticas que se poden encontrar no espazo forestal, mentres que en 2010 a Aula da Natureza encargouse de elaborar cos rapaces destes centros accións de recuperación e mellora do medio. Así, arredor de 160 rapaces e rapazas encargáronse de coordinar os traballos de mantemento do bosque escolar para o que se levaron a cabo labores de limpeza e un proceso de marcación de amarras entre abril e outubro do pasado ano. Tamén se levou a cabo dúas plantacións, a primeira realizárona 100 alumnos e alumnas do colexio Ventín, e outra que estivo a cargo das pequenas mans de 60 nenos e nenas da Escola Infantil O Bosque de Bertamiráns.
Ademais, dende a área de Medio Ambiente levouse a cabo a tramitación da documentación necesaria sobre este proxecto de "Monte escola" para a súa presentación ao Concurso CONAMA 2010.