Solapas principales

Estanse repartindo as placas de numeración no rural

Sábado, 21 de mayo de 2011

[21-05-2011] O Concello de Ames estivo executando o proxecto de numeración no rural para delimitar todos os núcleos de poboación do rural de cara a outorgarlle un número de identificación a cada casa. Despois que no pasado mes de decembro se realizase unha exposición pública do proxecto de numeración das vivendas no rural, agora estanse repartindo as placas de numeración. Deste xeito todo Ames contará con criterios unificados que servirán para demarcar o territorio a efectos padronais e censais, ademais de facilitarlle o traballo a Correos y Telégrafos. Coa entrega da placa estáselle entregando aos veciños/as unha carta onde se lle pide que pasen polo departamento do Padrón Municipal, nas Oficinas Xerais do concello, posto que é necesario conformar e actualizar os datos que figuran no censo, de acordo coa numeración asignada. Estas placas deberán estar colocadas antes do 30 de maio.

A empresa Tragsa foi a encargada de realizar o proxecto de numeración do rural en Ames. O xeito de numerar réxese por regras ben sinxelas. Cada núcleo de poboación empezará a numerarse de forma ascendente partindo da súa vía ou travesía principal e tomando como punto de arranque a parte máis próxima á Casa do Concello. Seguindo esta mesma referencia os números impares irán ao lado esquerdo e os pares ao dereito. Así, a medida que nos alonxamos do centro do concello teremos a man esquerda o 1, o 3, o 5, o 7 e así sucesivamente; á dereita quedarannos o 2, o 4, o 6, o 8, etc.

A empresa adxudicataria do proxecto traballou de man cos técnico municipais. Para iso recolleu todos os planos das parroquias amienses no Concello. Posteriormente realizou un extenso traballo de campo para identificar todas as vivendas que aprecian nos mapas e nas fotos aéreas das que dispoñían. En función do número de vivendas que existe en cada lugar das parroquias amienses asignáronse os números de cada vivenda. Cómpre destacar que a numeración fíxose tendo en conta o número de vivendas que hai en cada aldea.

A numeración de todos os lugares de poboación de Ames de forma unificada terá unha das súas consecuencias prácticas máis directas no reparto do correo, xa que os carteiros e carteiras -sobre todo os que fan substitucións ou chegan de novo- contarán con referencias precisas e ordenadas ao respecto dos enderezos de cada núcleo.

O Concello xa ten definidas as numeracións dos barrios rurais do territorio tomando como referencia as construcións que hai a día de hoxe. Se no futuro se edifican novas casas entre dúas vivendas numeradas, as novas residencias levarán o número xunto cunha letra. É dicir, se temos un número 1 e un número 3 e se constrúen no medio catro casas, a súa numeración sería 1A, 1B, 1C e 1D.

Unha vez a empresa Tragsa rematou o proxecto, entregoulle os planos de numeración ao Concello. Acto seguido dende o grupo de goberno convocouse ás asociacións das diferentes parroquias para manter unha xuntanza co concelleiro de Infraestruturas e Obras, Servizos Básicos, Parques e Xardíns, Gustavo Nieto, e coa concelleira de Planificación e desenvolvendo parroquial, Carmen Fraga. O obxectivo desta xuntanzas foi intercambiar impresión cos veciños e veciñas de cada zona para coñecer a opinión das asociacións respecto ao traballo feito e resolver os problemas que xurdiran.

No pasado mes de decembro leouse a cabo unha exposición pública do proxecto de numeración das vivendas no rural. Froito desa exposición foron detectados algunhas diferenzas entre a delimitación de núcleos que recolle o Plan Xeral de Ordenación Municipal (vixente dende o 2002) e a exposta polos propios veciños en distintas alegacións presentadas no concello durante esas datas. Unha vez analizadas e informadas esas alegacións polos técnicos redactores do proxecto de numeración, decidíronse ter en conta todas aquelas nas que os datos alegados coincidisen cos datos que figuran no Padrón Municipal, así como no Catastro. Esas alegacións estimadas servirán de base para unha posterior adecuación do PXOM.

Reparto da placas de numeración

Durante o mes de maio dende o concello estase facendo entrega das placas cos números que lle corresponde a cada vivenda. Coa entrega da placa estáselle entregando aos veciños/as unha carta onde se lle pide que pasen polo departamento do Padrón Municipal, nas Oficinas Xerais do concello, posto que é necesario conformar e actualizar os datos que figuran no censo, de acordo coa numeración asignada. Estas placas deberán estar colocadas antes do 30 de maio. Todas aquelas persoas que non se atopan na súa vivenda no momento no que se fai entrega das correspondes placas de numeración, os interesados terán que pasar polo departamento do Padrón municipal para recoller as devanditas placas.

O reparto das placas comezouse polos distintos lugares das parroquias de Agrón, Ameixenda, Piñeiro, Tapia e Trasmonte. Ata o de agora xa foron entregadas as placas en 29 lugares destas parroquias. Na actualidade faltan por entregar as dos lugares de Novais, O Pazo e Trasmil, pertencentes á parroquia de Agrón; Ameixenda, Sura e O Vilar, da parroquia da Ameixenda; Fernande, da parroquia de Piñeiro; Frenza e Vilouta, pertencentes á parroquia de Tapia; e Trasmonte, Carballo e Salgueiro, da parroquia de Trasmonte.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Entregan placas para numerar el rural amiense"
La Voz de Galicia: "Las casas del rural de Ames reciben su numeración"