Solapas principales

O Milladoiro dispón de campo de fútbol

Domingo, 22 de mayo de 2011

[22-05-2011] As obras do esperado campo de fútbol do Milladoiro están a piques de completarse. Nestes momentos só falta colocar a reixa perimetral, as porterías, lastrar o campo e pintar novamente os vestiarios que foron marcados por vándalos nas pasadas noites. O campo de fútbol localízase nunha parcela de máis de 6.300 metros cadrados e foi financiado mediante o Plan E. Esta infraestrutura adaptarase as dimensións regulamentarias e disporá de céspede artificial.


O Concello de Ames ten un gran abanico de modalidades deportivas que reúnen, ano tras ano, a moitos veciños e veciñas. A participación en todas elas vai en aumento xa que cada vez ocupa unha parte máis importante do noso tempo de lecer e ademais participa xente de todas as idades. Polo tanto, requírense unhas boas instalacións deportivas modernas e axeitadas para todos os deportistas.

Ata o momento as escolas deportivas leváronse a cabo no campo de fútbol municipal de Bertamiráns e nos pavillóns polideportivos do Concello. Xa que son moitos os equipos que adestran todos os días no campo de fútbol de Bertamiráns o goberno municipal comprometeuse a construír un novo campo no Milladoiro que cubrira todas as necesidades desta zona.

Houbo que esperar case dez anos para que se levara a cabo este proxecto e a día de hoxe podemos dicir que está case totalmente completado. Decidiuse sufragar esta infraestrutura a través dos fondos proporcionados polo goberno central mediante o Plan E. Este proxecto ten un orzamento base de licitación de 758.271euros, pero a empresa adxudicataria rebaixouno en 159.009 euros, polo que finalmente tivo un custo de 599.262 euros. O campo de fútbol do Milladoiro é un proxecto de vital importancia para os veciños e veciñas deste núcleo amiense e unha das súas maiores demandas nos últimos anos.

O campo de fútbol do Milladoiro construíuse nas parcelas 117 e 118 do proxecto de compensación do polígono industrial do Milladoiro que suman unha superficie de máis de 6.300 metros cadrados. Esta parcela encóntrase detrás do punto limpo que está situado na rúa da Hedras, no Polígono Novo Milladoiro. Para poder levar a cabo este proxecto houbo que aprobar na sesión plenaria de febreiro de 2009 o cambio de uso, de social a deportivo, da parcela 117. Esta proposta saíu adiante cos votos a favor do grupo socialista e nacionalista e coa abstención do grupo popular. A empresa adxudicataria foi Hidroscivil, SL e Gabrat, SL, Unión Temporal de Empresas por un importe de 599,262 euros.

Os primeiros traballos que se executaron foron de desmonte e de movemento de terras para achanzar o terreo. Despois foron completando cada unha das instalacións e neste intre só faltaría colocar a reixa perimetral, as porterías e lastrar o campo. Por mor dun acto de vandalismo cometido esta semana, os aseos foron marcados con pintadas e téñense que pintar novamente. Polo que moi pronto daranse por concluídos os traballos do esperado campo de fútbol do Milladoiro.

O novo campo de fútbol do Milladoiro adaptase as dimensións regulamentarias e dispón de céspede artificial. Ademais deixouse un espazo de metro e medio de ancho nas bandas laterais e de dous metros e medio nas bandas de fondo. O proxecto contempla a construción de catro vestiarios coas súas respectivas zonas de ducha a aseos, dous dirixidos ós equipos de cativos e os outros dous para o resto das categorías. E tamén a colocación dos elementos característicos deste tipo de instalacións: porterías, banquiños, redes, banderíns, vestiario para árbitros, almacén e oficinas. O peche do campo fíxose con rede, sen empregar muros, e con noiros vexetais adaptados ao contorno natural da zona.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Campo de fútbol y nuevo cementerio listos en Ames"